RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Álex Bergantiños colgará as botas no Teresa Herrera antes de incorporarse á estrutura do Dépor

Álex Bergantiños, último gran capitán branquiazul, defenderá por derradeira vez a camiseta do RC Deportivo no LXXVIII Teresa Herrera, estrea da temporada 2023-2024 en ABANCA-RIAZOR, a primeira que o futbolista vivirá xa afastado dos terreos de xogo. Como estaba previsto desde a súa última renovación, a próxima campaña, o histórico centrocampista coruñés, pasará a formar parte da estrutura profesional do Dépor nun posto relevante que permita aproveitar todo o seu potencial na área deportiva e corporativa do Club.

Antes da súa despedida no Teresa Herrera e as súas últimas palabras como futbolista profesional en activo nesa xornada, Álex Bergantiños quixo deixar unha mensaxe á afección branquiazul: 

"Deportivistas:

Quería informarvos de que decidín terminar a miña carreira como xogador de fútbol.

En todos estes anos, baleireime en tentar facer sempre o que cría que era o mellor para o noso Dépor, tanto dentro como fóra do campo, sen importar condicións nin categorías.

É un día que non querería que chegase nunca porque o fútbol e o Dépor son a miña paixón, pero creo que chegou o momento de dar un paso ao carón.

Síntome feliz e infinitamente orgulloso de formar parte da familia Deportivista.

Na miña infancia tocábame empuxar desde a bancada ou a televisión e tiven o privilexio de vivir en primeira persoa o soño de calquera neno de Coruña: poder defender a camiseta do club da súa cidade.

Foron anos de alegrías e tristezas, pero como familia que somos seguimos empuxando para que o Dépor volva onde lle corresponde e estou convencido de que será pronto.

Agora tocarame axudar e empuxar doutra maneira, afronto o reto de pasar a formar parte da estrutura do club con importantes responsabilidades na súa xestión, e fareino coas mesmas ganas, enerxía e ilusión que sentín sempre que me puxen a nosa camiseta.

Grazas a todos, Forza Dépor!!".

Transcorreron case doce anos do seu tardío debut co primeiro equipo deportivista, pois antes de dar o salto foi cedido ao Xerez CD durante dúas campañas, mentres que noutra máis estivo a préstamo no Granada CF e o Gimnàstic de Tarragona. Álex estreouse co Dépor con 26 anos, o 27 de agosto de 2011, en partido de Segunda División en Riazor ante o Recreativo de Huelva (1-0).

Con anterioridade, Álex disputara diversos amigables co primeiro equipo. O primeiro deles remóntase ao 29 de marzo de 2005, cando o Dépor mediuse ao Atlético Arteixo (6-0) en Riazor nun choque benéfico para recadar fondos para o conxunto branquivermello debido á súa precaria situación económica.

Álex disputou 92 partidos (4 goles) en Primeira División, 152 (5 goles) en Segunda División, 74 en Segunda B ou Primera Federación, 11 en Copa do Rei, 3 (1 gol) en playoff de ascenso a Primeira División e 4 (1 gol) en playoff de ascenso a Segunda División. O capitán branquiazul asinou 11 goles, algún deles histórico como os logrados no Camp Nou (2-2) na Temporada 2015-16 e un curso despois na vitoria ante o FC Barcelona en Riazor (2-1).

En total, son 336 partidos oficiais que converten a Álex Bergantiños nada menos que no 9º xogador que máis veces vestiu a camiseta branquiazul nestes case 117 anos de existencia.

Álex pertence á disciplina deportivista desde hai máis de dúas décadas, posto que ingresou no Club sendo xuvenil, en 2002. Desde a súa chegada procedente do Imperátor foron 21 temporadas como branquiazul. En 4 delas (2004-2008) formou parte do Fabril, co que disputou 152 partidos que o converten no 11º xogador que máis encontros disputou na historia do filial.

Máis aló das súas actuacións co Deportivo e o Fabril, Álex demostrou ser un exemplo de responsabilidade fose do campo e de compromiso e limpeza dentro del. Isto último demóstrao o feito de que nos seus máis de 500 partidos no fútbol profesional nunca viu unha cartolina vermella.