Álvaro Fernández Llorente (Arnedo, La Rioja, 13 de abril de 1998), coñecido como Álvarez Ferllo, foi presentado este mediodía como novo xogador do Dépor até xuño de 2027.
Após pasar polo campo Arsenio Iglesias para o tradicional pousado coa súa nova camiseta, xa na sala de prensa do Dépor Training Center Fernando Soriano, Director de Fútbol do RC Deportivo, deulle a benvida: "Asina ano e medio con opción a un máis. É un porteiro contrastado, foi internacional por España. Vén facer competencia aos nosos porteiros".
Ademais desvela que "Daniel Bachmann hai unhas semanas, por situacións persoais, comunicou o seu desexo de saír. Non sabemos se se poderá dar porque non só depende do Deportivo. Hai outro club detrás, o Watford, que tamén terá que decidir. Nós non podiamos esperar. A situación de Álvaro era agora ou se non asumir que dentro de 10, 15, 20 días Daniel saíse e o mercado fóra doutra forma. Adiantamos esa situación. Decidimos que o máis sensato era estar cubertos nunha posición tan específica como é a portería".
Pola súa banda, Álvaro Ferllo admitiu que o pasado verán "houbo achegamentos por parte do Dépor pero non houbo entendemento co Sevilla FC. Tiña ganas de chegar aquí. Coñezo moi ben a Antonio Hidalgo. Traballamos xuntos na SD Huesca. Era unha das principais razóns, dentro de moitas outras".
Apunta que traballou "en silencio estes meses en Sevilla e cando tiven a oportunidade de comprobar as ganas que tiña o Deportivo porque estivese aquí non mo pensei. Por iso antes de que se abrise o mercado de inverno puiden rescindir o meu contrato co Sevilla FC e estar xa aquí para unirme aos meus compañeiros, para competir a posición, poder xogar e axudar ao Club a conseguir o gran obxectivo que ten".
O novo gardameta deportivista fala de, nas súas primeiras horas no Dépor, de "impresións mellores das que eu pensaba. Viña con recomendacións de varios compañeiros que pasaron por aquí, todas espectaculares; pero superáronse as expectativas. A cidade deportiva é marabillosa, o grupo que hai de compañeiros xa se ve que é moi bo. Abríronme os brazos, as portas. O único que podo facer é estar á altura de todos eles".
Confesa ser un futbolista que "me uno moito co Club e coa xente que está dentro. E así vai ser".
De Antonio Hidalgo conta que "é unha persoa que vive a vida ao límite e así o tenta inculcar nos seus xogadores. Non permíteche relaxarche nin un adestramento. De aí os bos resultados que tivo el nas últimas temporadas. É un gran xestor de vestiario. Trata a todos os xogadores por igual, independentemente do rol que teña cada un. E a súa idea táctica do fútbol é moi boa. Ten moita variabilidade, adáptase moi ben aos rivais aos que se enfronta. É un adestrador novo cun gran futuro. Está no club correcto, ideal, para crecer el, da man do Club".
Finalmente defínese como "un tío moi estable mentalmente e para a portería é moi importante. Considérome un porteiro áxil, rápido, con moita personalidade dentro do campo. Non ten problemas para xogar cos pés e participar cos compañeiros na saída de balón. As distancias respecto da liña defensiva mídoas ben e no xogo aéreo son tamén valente".
