RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo: "Imos ir con todo, imos traballar moitísimo ao detalle"

Antonio Hidalgo manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center ante o partido de primeira rolda de Copa del Rey deste xoves 30 de outubro ás 21:00 horas (TVG) ante a UD Sámano que "necesitamos gañar. Se ganas todo está ben e se perdes está mal. É a mesma historia de sempre. Isto vai de sumar, de gañar".

Admite que "o outro día (en liga) non merecemos ese punto e atopámolo. Outro día merecémolo como o outro día en Almería, que merecemos moito máis. E isto vai de sumar".

Lamentouse da ausencia de Samu (expulsado o sábado pasado co Fabril ante o Oviedo Vetusta), un dos canteiráns que leva desde pretemporada en dinámica do primeiro equipo e participando en varios amigables ademais: "Pensabamos que si nun principio pero a norma di que ata que non cumpra sanción co seu equipo non pode xogar. Encima ten ficha de xuvenil e iso acentúao un pouco máis".

Achaca a varias situacións a dinámica de resultados que atravesa o Dépor en liga: "Cando pasas dunha dinámica tan positiva como a que era, atópasche con que empátanche no 94 en Eibar, mereces moito máis en casa contra a UD Almería, atópasche coas dúas derrotas (Málaga e Santander) e o outro partido (Valladolid en ABANCA-RIAZOR) todo vai sumando, vai pesando. Hai que analizar as situacións, as anímicas tamén, as tácticas, mellorar e puír máis o detalle para saír canto antes desta xeira".

A nivel persoal, o técnico deportivista asegura que "vou con todo, empuxo con todo, traballo como un auténtico tolo, os meus xogadores tamén o tentan, dámolo todo en cada momento"; e asegura que vai defender " o escudo, as cores e a cidade a matar. Estarei un día máis acertado ou menos. O que senta aquí ten forza para iso".

Nesta liña, insiste en que "imos ir con todo, imos traballar moitísimo ao detalle. E niso estamos".

Iso si, "sabemos que temos que mellorar, somos os primeiros que queremos facelo. A partir de aí mellorar situacións estáticas, falar moito entre nós, saber onde está o noso punto de mellora. Temos que ser moito máis sólidos, máis fiables para ter esa sensación que tiñamos ao principio de poderío, sobre todo sen balón, estar máis acertados arriba, e mellorar".