RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo ve ao Dépor na recta final "nun bo momento, cun pico de confianza alto"

Antonio Hidalgo manifestou este venres 24 de abril que a esta recta final "chegamos nun bo momento, cun pico de confianza alto. Pero iso xa non volve. Tes sempre que renovar esa motivación, esa esixencia, esa contundencia, esa competitividade que necesitas, ese punto de tolemia que ten o mundo do fútbol para poder competir contra calquera".

Apuntou na sala de prensa do Dépor Training Center que a estas alturas da temporada "non fai falta moito máis que competir e sacar de 3. Para seguir loitando por todo hai que sumar de 3. A categoría está moi igualada".

Confesa que no descanso do partido ante o CD Mirandés falou aos seus futbolistas de "seguir vivo nos partidos, estar sempre preto de sumar, os momentos de dificultade pasalos, os  momentos que che vén ben aproveitalos e iso é fundamental. Faite estar preto de sumar. Ás veces dáche para sumar de 3, ás veces de 1 pero sempre é importante sumar".

Do Burgos CF rival este sábado 25 de abril ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) en El Plantío, apunta que "é un equipo moi ben traballado por Ramis. Ten moi claro o que quere e como o quere. Defensivamente seguro que é o equipo mellor traballado da categoría, póndote moitísimos problemas para facer situacións de gol. Por iso é o equipo menos goleado".

Ademais subliña que "ten moito talento na parte de arriba, na creación. Ten velocidade por fóra e van variando situacións de inicio. Están a facer unha gran campaña. É un rival directo, un partido bonito. Iremos con todo a competir como o estamos facendo sabendo da importancia que ten o partido a estas alturas".

O técnico deportivista cre que "o máis importante é saber o tipo de partido que nos imos a atopar nun estadio que vai empuxar moitísimo. El Plantío é un campo moi difícil, que aperta moitísimo. O público está moi preto e lévao a esa éxtase que todos os campos necesitan. Están a sentirse poderosos en casa".

Finalmente Antonio Hidalgo pide "pensar pouco nos demais, pensar en nós, en sumar de 3, en seguir sumando esas vitorias que che dan a posibilidade de seguir sumando por todo. E mirar pouco fóra".