RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Ximo Navarro: "Estamos con moita confianza, cremos en nós"

Ximo Navarro pasouse este xoves pola sala de prensa do Dépor Training Center.

Na súa opinión, "levamos facendo unha temporada moi boa" e engade que"o importante é centrarnos en nós".

É máis, insiste en que a traxectoria do Dépor nestes últimos partidos "fala ben do cadro, da capacidade que temos todos os xogadores que estamos aquí. Por iso xogamos neste equipo, porque temos boas capacidades".

Admite que cando non están futbolistas como Yeremay ou Mella "bótaselles de menos porque son diferenciais na categoría. Dannos moito. Cando levas máis tempo todas as pezas van encaixando cada vez máis, os compañeiros que viñeron novos cada vez están máis adaptados, os do mercado de xaneiro tamén. O importante é que esteamos todos unidos como estamos, que sexamos unha familia aí dentro. Fala moi ben do rendemento que estamos a ter".

Con 7 partidos sen perder, Ximo Navarro pensa que "chegar á recta final nesta dinámica é moi positivo, faiche xogar con máis confianza en ti mesmo".

Advirte que o Burgos CF, rival este sábado 25 de abril ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) en El Plantío, "tamén está nunha xeira moi boa, recibe moi poucos goles. O outro día tivo un partido difícil e perdeu (en CD Castellón); pero isto é normal na categoría. Non vexo eu que todos os equipos gañen todos os partidos, todos os equipos ao longo da temporada van ter fochancas".

Lembra que "coa UD Las Palmas somos o equipo que menos perdeu. E estamos con moita confianza, cremos en nós. Vai quedando menos e estamos nunha boa posición, co resto de equipos que están metidos na pelexa. Imos confiar en nós e ir partido a partido".

Finalmente, Ximo Navarro explica o bo momento do Dépor en que "temos un dos mellores cadros da categoría, con xogadores de moita calidade, que marcan as diferenzas. Somos un equipo moi equilibrado. Hai outros equipos que tamén son moi bos pero sempre tes que crer en ti mesmo, no teu equipo".

Fala de "un bo corpo técnico tamén, como temos nós. Logo ter unha boa relación no vestiario. Os que xogan e os que non xogan estamos todos unidos, sempre apoiándose uns a outros. Iso moitas veces non é fácil e creo que é unha das cousas máis importantes. Por sorte nós tivémolo durante toda a temporada. Cando lle sumas a todo iso a calidade dos xogadores sáeche un bo equipo e dáche para loitar por todo".