RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Ao Dépor ABANCA escápaselle o partido en 9 minutos fatídicos nunha segunda parte na que "nos faltou un pouco de enerxía"

O Dépor ABANCA caeu (3-1) co Sevilla FC este sábado 22 no Estadio Jesús Navas, en partido correspondente á 12ª xornada na Liga F.
 
Con este resultado, As Nosas quedan con 10 puntos na 13ª posición da táboa.
 
Fran Alonso manifestou que "no cómputo xeral foi un mal resultado pero non un mal partido. Temos que coidar máis os detalles na defensa da área e ser máis precisas".
 
Paula Monteagudo e Millene, esta con unha lumbociatalgia, foron as únicas baixas por lesión en Sevilla.
 
Paula Novo, Michi Apóstol e Lucía Rivas foron as representantes de #ANOSACANTEIRA.
 
Após uns compases igualados e sen apenas oportunidades nas dúas áreas adiantouse o Sevilla FC aos 16 minutos. Gabarro recolle en mediocampo, supera a Raquel e desde a frontal engancha un lategazo ao que non pode responder Inês Pereira.
   
Tentou o Dépor ABANCA de lonxe facer dano cun disparo de Bárbara e outro de Olaya, este a a media hora, á esquerda da meta sevillista.
 
Pero o partido deu un xiro no minuto 35. Un erro de Isa Álvarez na cesión dun balón á súa porteira provocou a igualada do Dépor. Ainhoa Marín encara en solitario a Sullastres, que a derruba dentro da área.
 
A colexiada do partido, após revisión no VAR a petición do Dépor ABANCA, sinala penalti e amoesta con cartolina amarela á gardameta sevillista.
 
O banco deportivista consideraba que Sullastres debía ser expulsada con cartón vermello.
 
A propia Ainhoa Marín sobe o empate ao marcador.
 
"Nunha acción espectacular fixéronnos o 1-0 pero sobrepuxémonos ben. Soubemos resolver a súa presión e crecemos", apuntou o técnico deportivista.
 
De novo Inma Gabarro probou fortuna con outro disparo no 42. Inês Pereira respondeu con acerto para enviar a saque de esquina.
 
Con empate a un gol chegouse ao descanso.
 
"Tivemos un bastante bo primeiro tempo, con bastante control", resumiu o técnico deportivista, que recalcou as "boas sensacións" coas que se retirou o Dépor ABANCA ao vestiario.
 
Na segunda metade, en 9 minutos fatídicos levou o partido o Sevilla FC.
 
No 64 Kanteh márchase de Samara, chega á liña de fondo e o seu pase raso atrás remátao como vén Gabarro, a pesar da oposición de Barth. O balón entra pegado ao pau dereito da meta de Inês Pereira.
 
"Aí si que nos custou máis", admitiu o adestrador do Dépor ABANCA.
 
No 73, Débora, tamén por banda dereita, centra ao primeiro pau e Kanteh adiántase á defensa deportivista para subir o 3-1.
 
Tivo Kanteh o 4-1 pero o seu disparo, após regatear a Inês Pereira na súa saída, estrelouse no lateral da rede.
 
"Faltounos un pouco de enerxía", opinou Fran Alonso dos segundos 45 minutos.
 
O Dépor ABANCA vén sen puntos de Sevilla.
 
Sevilla FC: Sullastres, Débora (Alice Marques, min. 76), Eva Llamas, Isa Álvarez, Esther, Alicia (Julia Torres, min. 87), Iris (Chantal Hagel, min. 66), Rosa Márquez, Kanteh (Alba Cerrato, min. 76), Raquel (Wifi, min. 66) e Inma Gabarro
 
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Raquel (Vera, min. 80), Barth, Paula Novo, Henar (Lucía Martínez, min. 69), Paula Gutierrez (Lía, min. 80), Olaya (Lucía Rivas, min. 86), Ainhoa Marín, Bárbara (Michi Apóstol, min. 69) e Marisa
 
Árbitra: Alicia Espinosa Ríos, do comité madrileño. Amoestou a Sullastres (min. 36), Débora (min. 45), Iris Arnaiz (min. 45+4), Eva Llamas (min. 52) e Raquel (min. 64)
 
Goles: 1-0 Gabarro (min. 16); 1-1 Ainhoa Marín (min. 40); 2-1 Gabarro (min. 64); 3-1 Kanteh (min. 73)
 
Incidencias: partido disputado no Estadio Jesús Navas. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero