Arnau Comas Feixas (Cassá da Selva, Girona, 11 de abril de 2000) foi presentado este mediodía como novo xogador do Dépor até xuño de 2028.
Após pousar para os medios gráficos no campo 2 da Cidade Deportiva, Fernando Soriano subliñou xa na sala de prensa que "é un central dunha gran envergadura, poderío físico, bo trato de balón, que vai complementar a liña defensiva, que estabamos un pouco xustos".
Pola súa banda, Arnau Comas apuntou que antes de vir "falara con moita xente e faláronme moi ben non só do Club, senón da cidade e a xente. E está a ser así. Hai moi bo vestiario, e estou moi contento e feliz de estar aquí".
Decidiuse por ABANCA-RIAZOR porque "cando nacín o Dépor gañou a liga e a Copa. Sempre foi un equipo moi grande, cunha gran historia. Iso a xente como eu, que ten ambición, tira moito".
Insiste no proxecto: "Os últimos anos están a facerse as cousas moi ben. Aos poucos pero ben feitas. O Club ten moitísima ambición de facer as cousas ben, de ter un bo equipo como están a facer e de tentar que #ANOSAFORZA estea contenta aquí na Coruña".
Admite que como bo canteirán do Barça ten bo trato de balón pero tamén se define como un central "atípico ao estar tantos anos fóra, en Basilea. Gústame defender, gañar duelos, correr ás costas... todas estas cousas que é o principal para un defensa".
Fernando Soriano
Concluída a presentación, Fernando Soriano respondeu a algunhas preguntas dos medios. Estas foron algunhas das súas respostas:
Próximas fichaxes
"Veu Lucas Noubi e veu Arnau. Estamos en previsión de facer outra entrada na posición de central. Está claro que a posición de lateral esquerdo tamén a temos que reforzar. Agora mesmo só está Escudero coa saída de Iano Simao a FC Penafiel. Estamos a sondar o mercado para buscar a mellor opción. Un dianteiro tamén faremos ao longo do verán. E logo dependerá das saídas. Hai saídas que se están avanzando".
Relación co FC Penafiel
"A sinerxía vai ser moi importante. As decisións vanse a tomar directamente de FC Penafiel en colaboración con xente nosa. Incluso algún membro da dirección sairá da nosa estrutura".
Pablo Vázquez
"É un grandísimo profesional. Deu todo por este Club. Quedaba un ano de contrato e despois de recibir esa proposta do Sporting decidiuse que a mellor opción era buscar un acordo entre clubs".
Saídas
"Até o 2 de setembro dura o mercado e até esa data todo pode ser posible. A nosa opción é formar o mellor equipo posible para afrontar a liga coas mellores condicións".
Dianteiro
"Se por min fóra asinaríao hoxe. Pero hai que esperar. Non depende do Dépor e do xogador, hai outros clubs, outros parámetros que non controlas e tes que deixar correr un pouco o tempo".
Perfil do dianteiro
"Vai depender dos dianteiros que estean no cadro. O míster gústalle un dianteiro de mobilidade, que teña ruptura. E iso vai ser unha calidade que buscaremos".
Fer Niño
"Nada".
Centro do campo: Mfulu, Patiño...
"O míster tenos que ver. Viunos en vídeo e mesmo xogou contra el pero tenos que ver. Para iso serve a pretemporada. Ás veces cando es xogador non tomas a pretemporada como se debese. Ten moita máis importancia do que moitos nos pensamos porque moitas tomas de decisións veñen deste mes ou mes e medio".
Mediocentro
"O normal é que se acuda ao mercado por un mediocentro".
Poder económico do Dépor
"Temos algo importante. A nosa masa social é incrible. E iso axúdache a frontar segundo que situacións. Pero inflúen as vendas de xogadores, a posición na que estiveches... unha serie de situacións que che permiten estar nun nivel de gasto ou outro".
Luis Chacón
"Todos se teñen que gañar o posto. Está claro que a xente que ten máis prestixio ten unha marxe moito máis grande de confianza. Luis vén de facer unha gran temporada. Estamos contentísimos con el. O míster está a coñecelo. É unha opción moi real a que continúe connosco".
Transvasamento ao FC Penafiel
"Hai que diferenciar entre traspaso ou cesión. Traspasos podes facer os que queiras entre clubs. Cesións só 3. Agora mesmo hai 2 traspasos. Cremos que pode haber algunha situación máis durante a pretemporada".