RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

As Nosas proponse "estar moi acertadas de cara ao gol" na súa visita ao Sevilla FC este sábado, antes doutro parón ligueiro

O Dépor ABANCA visita ao Sevilla FC este sábado 22 ás 12:00 (Dazn, GOL Play, TEN e TVG) no Estadio Jesús Navas, en partido correspondente á 12ª xornada na Liga F.

Os resultados da última xornada, co triunfo ante o Levante UD en ABANCA-RIAZOR, deixaron ás Nosas con 10 puntos na 13ª posición.

Fran Alonso explicou este xoves en rolda de prensa que "temos un plan de partido para tentar explotar as nosas virtudes, tentar minimizar as súas".

Cre fundamental "controlar o centro do campo, tentar que xogadoras de talento que teñen estea sempre apertadas porque se lle deixamos espazo pódense xerar moitas cousas".

Tamén pide "estar moi acertadas de cara ao gol. No último partido tivemos bastantes ocasións para aumentar o marcador e non acabamos de materializalas. Puxemos moita énfase durante a semana e creo que vai ser clave".

Considera importante "estar concentradas. Tendo estas cousas controladas teremos oportunidades de puntuar".

Paula Monteagudo e Millene, esta con unha lumbociatalgia, son as únicas baixas por lesión.

Leste mesmo venres o equipo viaxou a Sevilla á primeira hora da mañá e Fran Alonso dirixiu unha última sesión de adestramento na Cidade Deportiva do Sevilla FC.

O deste sábado será o último encontro antes dun novo parón ligueiro: "É importantísimo gañarlle ao Sevilla FC. Daquela os paróns son cando son. Cando te vas son 2 semanas, serían 2 semanas despois dunha vitoria, de moita felicidade no grupo". 

Pola súa banda, o Sevilla FC, que a pasada fin de semana venceu por 1-0 ao DUX Logroño, é 7º con 17 puntos.

No seu campo esta temporada as sevillistas, ademais das rioxanas, venceron ao RCD Espanyol (1-0); e caeron co UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (0-4), FC Barcelona (0-5) e Madrid CFF (1-3).

O seu técnico, David Losada, manifestou en rolda de prensa que "nin antes eramos tan malas nin agora somos tan boas. Nunca abandonaron ese camiño do traballo, da ilusión, de reverter a situación. E está a dar agora os seus froitos".

Móstrase "moi contento por ese premio á constancia e non deixar de crer, nin de traballar nin de baixar os brazos".

Pola súa banda, a ex deportivista Esther Sullastres comenta despois de 5 partidos dos últimos 6 con porterías a cero que "o máis importante é partir de aí, da portería a cero e aproveitar o que teñamos arriba. Desde a portería a cero sempre te aseguras 1 punto. É o que hai que tentar, partir do defensivo, de atrás para adiante".

Finalizado o encontro, As Nosas regresan á Coruña con este plan de viaxe:

17:05: Saída do voo do Aeroporto de Sevilla con destino ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
18:45: Chegada ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
20:30: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
22:15: Chegada a Galicia e traslado á Coruña

O Dépor ABANCA adestrarase de novo no Dépor Training Center o domingo 23 de novembro a partir das 10:30 horas.