As Nosas, hoxe con xornada de descanso, inician mañá mércores 8 de novembro a conta atrás para o seu 6º partido oficial en ABANCA-RIAZOR, este domingo 12 de novembro ás 17:00 ante o Deportivo Alavés (Youtube RC Deportivo), en partido correspondente á 8ª xornada en Primera Federación Iberdrola.
Antes deste partido, as branquiazuis xogaron a Copa de la Reina 2019-20 ante o Valencia CF (7-2); na máxima categoría nacional 2020-21 fronte ao Sevilla FC (1-2) e Atlético de Madrid (1-8); e na segunda división 2021-22 ante o DUX Logroño (0-0) e no playout dese mesmo curso contra a Real Unión de Tenerife (3-1).
Ademais, o Dépor ABANCA disputou no estadio outros 7 encontros correspondentes ao Trofeo Teresa Herrera, que as branquiazuis venceron en 3 ocasións, precisamente a última este pasado verán ante o Deportivo Alavés Gloriosas.
Os resultados da última xornada, coa vitoria en Cáceres, deixaron ás branquiazuis á fronte da táboa con 18 puntos por 16 do Alhama CF e do RCD Espanyol.
Irene Ferreras dispuxo esta semana de 4 sesións de traballo ás 10:00 na Cidade Deportiva, con ximnasio previo para as futbolistas a partir das 9:00 horas.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Mércores 8 de novembro
10:00 h.
Xoves 9 de novembro
10:00 h.
Venres 10 de novembro
10:00 h.
Sábado 11 de novembro
10:00 h.
Domingo 12 de novembro
17:00: Deportivo ABANCA - Deportivo Alavés Gloriosas, en ABANCA-RIAZOR
Entradas dispoñibles para #ANOSAFORZA até o mesmo día do partido
O Club mantén activo o protocolo de acceso ao Estadio ABANCA-RIAZOR para #ANOSAFORZA.
A entrada é obrigatoria xa que ese día non se poderá acceder co carné de socio, seguindo un protocolo similar ao dos partidos do Dépor ABANCA e o Fabril na Cidade Deportiva de Abegondo.
Os abonados que desexen asistir ao encontro teñen até o propio día do partido para sacar de forma gratuíta a súa entrada a través da web bancada.rcdeportivo.es, onde poderán escoller asento xa que non terán asignado o seu.
Os socios e socias deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras acodes socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión, até un máximo de 6 por operación, e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Presentando o DNI ou o abono, os socios e socias tamén poderán retirar a entrada na Oficina de Atención ao Deportivismo (OAD), na Avenida da Habana s/n, no seu horario habitual de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00. Tamén poderán facelo nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes o mesmo día do encontro.
Para este encontro, unicamente abrirase o anel inferior do Estadio ABANCA-RIAZOR, empezando polas bancadas de Tribuna e Preferencia, habilitándose o resto de bancadas de forma gradual no caso de que sexa necesario.
Para o público, as entradas terán un prezo de 5 euros, que se doarán integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que ademais porá huchas por todo o estadio tanto neste partido como no do día anterior entre Dépor e SD Logroñés. As entradas poderán adquirirse até o propio día do partido, tanto a través de bancada.rcdeportivo.es como na OAD, así como nas horas previas ao choque nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes.
