RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Dani Barcia cre que o Dépor "está a facelo moi ben" coas renovacións de canteiráns

Daniel Barcia Rama 'Dani Barcia' (19 de xaneiro de 2003, A Coruña) compareceu este mediodía ante os medios en ABANCA-RIAZOR con motivo da súa renovación co Deportivo até xuño de 2028, con opción a unha temporada máis.

En primeiro lugar, pousou para os medios gráficos no mesmo céspede do estadio acompañado por Fernando Soriano; e baixo a atenta mirada da súa familia.

Xa na sala de prensa, o Director de Fútbol branquiazul explica que "levabamos un tempo falando" e asegura que supón "unha alegría especial para o Club porque Dani leva desde benxamíns defendendo a camiseta do Deportivo, máis da metade da súa vida defendendo estas cores".

Confesou Fernando Soriano a Dani Barcia que "é un orgullo para nós que poidas seguir connosco moitos anos máis", desexou que non sexa a súa última renovación e "que poidas axudarnos a seguir crecendo".

Pola súa banda, Dani Barcia afirmou estar "moi feliz de estar aquí. É o que quixen sempre, poder axudar ao Dépor, estar xa no primeiro equipo, que foi sempre o meu soño".

Agradeceu ao RC Deportivo "toda a confianza e espero poder demostrala no campo".

O central coruñés indica que na negociación "todo estivo claro. Eu sempre tiven a intención de quedarme aquí. Eles tamén tiñan esa intención. Foi bastante fácil entendernos".

Na súa opinión, o Club "está a facer ben" a aposta por #ANOSACANTEIRA: "Desde verán empezaron a renovar contratos como os cedidos ou os que están comigo no primeiro equipo. Esa parte está a facela moi ben o Club. É de agradecer. Tamén se está vendo que os xogadores podemos demostrar no campo o que podemos facer. Todos moi contentos e esperamos que poida seguir así".

De feito, Dani Barcia que "dabondo" o Dépor pode basearse na canteira mesmo para competir en Primera División. "Tarde ou cedo imos chegar. Se esa é a base, pódese competir perfectamente en Primera".

A nivel persoal esta temporada, lamentouse da lesión que sufriu cando era titular: "Nunca me lesionei. Chégame no peor momento, cando estaba a xogar. Asumina con naturalidade. Agora estouno levando moito mellor. Nas primeiras semanas estaba un pouco raro porque non me atopaba ao 100% pero agora estou bastante ben. Cando sexa o momento de que xogue, pois xogarei".

Finalmente, lembra o seu debut en ABANCA-RIAZOR co Xuvenil A en a Youth League e como afeccionado "en Preferencia Superior, que nos daban aí os carnés. Sentabámonos alí todos os do equipo en benxamíns, alevíns, infantís... Estabamos todos xuntos vendo os partidos. Acórdome que o pasaba moi ben. Se fallei, fallei a poucos. Era un pracer poder ver ao equipo en Primera División e espero que todos os que están na bancada véndonos góceno como o gocei eu".