David Mella Boullón (23 de maio de 2005, Santiago de Compostela) recolleu esta mañá na sala de prensa de Abegondo o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do pasado mes de xaneiro polas súas actuacións nos partidos de liga ante Real Sociedad B, Cultural Leonesa, SD Ponferradina e Celta Fortuna.
A terna de finalistas elixidos polos medios de comunicación que cobren a diario a información do equipo branquiazul foi a formada polo canteirán, Lucas Pérez e Pablo Vázquez.
Na votación final, Mella foi o preferido ao lograr o 75% do apoio dos afeccionados, por 13% Lucas e 11% Pablo Vázquez.
Na súa comparecencia ante os medios, quixo en primeiro lugar "dar as grazas a Estrella Galicia e a #ANOSAFORZA por votarme. É un orgullo para min que mo deran. Ser xogador do mes do Deportivo é algo incrible. Un non pensa que lle vai a tocar tendo a xogadores como Lucas, Pablo Vázquez, Davo, Pablo Martínez... todo o equipo que é incrible".
A pesar dos bos resultados das últimas xornadas, o internacional deportivista advirte que "aínda queda moita liga, quedan moitos partidos. Levamos 3 vitorias seguidas, que é a primeira vez que o facemos en toda a temporada; e temos que seguir traballando para seguir facéndoo así".
Co dorsal 3 ás costas até final de temporada desde o mercado de inverno, admite que "non é o mellor número de todos. Non é o meu favorito, pero é un número de primeiro equipo e é algo bonito".
Cada vez que se pon diante dos micrófonos, Mella non oculta a súa boa relación con Yeremay: "Entendémonos ben. Levamos xa 3, 4 anos xuntos. Vimos tamén no coche. É cousa do xogo. Igual que el se entende con Lucas, eu enténdome con con outras persoas. Depende dos partidos tamén. Este (ante o CF Fuenlabrada) tocounos estar moito máis xuntos porque estabamos cun menos, atacando tiñamos que estar máis pechados. Depende do partido ímonos vendo os dous".
Asume con "felicidade" o converterse nun referente para #ANOSAFORZA: "Non me gusta moito ler as redes para estas cousas porque me gusta manterme á marxe. Lévase ben e contento".
Desvela que os seus pais "sempre me din que teña os pés no chan, que non se me suban á cabeza as cousas de Internet, de todas as redes sociais. E é un consello moi bo porque podes amolar todo o traballo que levas feito".
O atacante deportivista aclara que leva ben o xogar na outra banda á que actuaba desde sempre: "Ao cambiarme de banda nos adestramentos acábome afacendo. Ademais é máis fácil cando adestras coa mellor xente da categoría, como Balenziaga lateral esquerdo, Retu cando estaba aquí... Entón é moito máis fácil afacerse aos cambios de posición".
A nivel físico, Mella vese "ben. O outro día tiña que facer os cambios si ou si por aguantar os case 90 minutos cun menos. Os días despois de partido custan un pouco máis porque son os de recuperación, pero cada vez voume vendo mellor e aguantando mellor os minutos que me dan".
Finalmente, recalca que nos seus hábitos "cámbianse moitas cousas porque tes profesionais traballando contigo, nutricionistas, médicos as 24 horas, os adestradores axúdanche en todo e ao final cambias todo un pouco: a maneira de ver as cousas, cando tes que ir durmir, a alimentación e todas esas cousas. Axúdache que o míster estea pendente de ti, os médicos, os nutricionistas... Cambiei de todo un pouco".
