RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

David Mella tamén participou no empate de España ante México na segunda xornada do Mundial

-Foto:@rfef.é

 

David Mella e a selección española sub-20 enfrontáronse este mércores 1 de outubro a México no segundo partido do Campionato do Mundo da categoría.

O encontro, cheo de alternativas, acabou en empate após o tanto do futbolista mexicano Gilberto Mora no minuto 87.

Nesta ocasión, o canteirán branquiazul saltou ao céspede no minuto 73 en substitución de Rayane.

No primeiro partido ante Marrocos, Mella, que dispuxo dunha boa oportunidade para marcar, saíu no once inicial e foi relevado no minuto 63 por Fortea.

Os españois non aproveitaron as súas ocasións pero si os marroquís, que se impuxeron por 2-0 con dous goles case consecutivos nos minutos 54 e 58.

No outro partido do grupo, Brasil caeu ante Marrocos, que lidera o grupo con 6 puntos, xa clasificado. México suma 2 puntos; mentres que España e Brasil teñen 1.

A oitavos de final clasifícanse as dúas primeira seleccións de cada grupo, así como o catro mellores terceiras clasificadas dun total de seis grupos.

Así pois, España depende de si mesma para ser terceira: un triunfo ante a canarinha este sábado 4 de outubro ás 22:00 (hora galega) asegura aos xogadores que dirixe Paco Gallardo o terceiro escalafón do grupo, pero pode outorgarlles a segunda posición no caso de que México non gañe a Marrocos. 

O calendario de partidos de David Mella, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Domingo 28 de setembro
MARROCOS 2 - ESPAÑA 0

Mércores 1 de outubro
ESPAÑA 2 - MÉXICO 2

Sábado 4 de outubro
22:00 (hora galega): ESPAÑA - BRASIL, no Estadio Nacional en Santiago de Chile

No que vai de liga, David Mella participou co Dépor en LaLiga Hypermotion en 5 partidos, 3 deles como titular, e marcou 2 goles.