RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Derrota pola mínima ante o Salamanca CF UDS dun Fabril con "moitos achegamentos e non acertamos"

O Fabril caeu (0-1) co Salamanca CF UDS en Abegondo nun encontro no que "tivemos moitos achegamentos e non acertamos. Sen meter gol é difícil gañar os partidos", resumiu Manuel Pablo após o encontro.

Con este resultado, o filial queda con 48 puntos na 5ª posición da táboa a expensas do que faga mañá domingo o UP Langreo, 6º con 46, no seu partido ante o UD Llanera.

Foron baixa Marotías e Carreira, sancionados; e Mardones, co primeiro equipo.

O primeiro achegamento con perigo foi fabrilista. Kevin, aos 3 minutos, recolle un balón en banda esquerda, márchase do seu par, entra na área e o seu disparo márchase desviado.

Respondeu o Salamanca CF UDS cun intento de saque de esquina olímpico a cargo de Cristeto, ao que respondeu con acerto Hugo Ríos.

Puido marcar o Fabril aos 26 minutos. Fabi rouba un balón á zaga salmantina e no man a man atópase co corpo da meta Villanueva. O rexeite cae a Kevin, que de novo volve xutar ao corpo do porteiro visitante.

Pouco despois, de novo Villanueva adiántase a Kevin no último pase de Mane após unha rápida transición fabrilista.

"Saímos ben, tivemos as nosas situacións. Eles aos poucos se foro metendo no partido, igualouse máis. Aínda así pouco chegaron. Unha acción na primeira parte de balón parado", apuntou o técnico fabrilista.

Con 0-0 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o Salamanca CF UDS marcou o gol da vitoria.

No minuto 48, Martín Galván recolle un despexe da defensa fabrilista ao bordo da área e mete o balón no recanto esquerdo da portería de Hugo Ríos. Imparable para o capitán.

"Non soubemos despexar un balón no que tivemos 3 ou 4 veces para despexar e non o afastamos", lamentouse Manuel Pablo.

O adestrador canario responde o banco relevando a Luisao, que entrou ao campo por Mane.

O Salamanca CD UDS, angustiado pola clasificación, optou por replegar liñas e saír á contra para tentar sentenciar. "Defendemos moitos minutos en bloque baixo", admitiu Jorge García, adestrador salmantino.

O Fabril sacou todo o seu arsenal ofensivo (Bil, Darío Germil, Dipanda...) pero "os últimos minutos fomos máis co corazón e custounos".

Os salmantinos, con oficio, souberon acumular homes en defensa, tapar todos os espazos e romper o ritmo do partido con continuas interrupcións.

O preparador fabrilista recalcou que "coa entrada de Darío Germil pensamos que tiña que ser todo xogo directo e non atopamos a posibilidade de levar o balón por fóra para buscar accións de centros onde Darío e Bil poden xerar perigo. Quixemos xogar frontal e correunos a présa. É normal cando apértache o reloxo".

Con 0-1 chegouse ao final.

A próxima fin de semana, a Fabril visita ao CD Laredo na penúltima xornada.

Fabril: Hugo Ríos, Guerrero, Samu Fernández, Damián Canedo, Íker Vidal, Alfaro (Dipanda, min. 84), Garrido (Kike Fernández, min. 67), Mane (Luisao min. 57), Fabi (Bil, min. 67), Manu Ferreiro e Kevin (Darío Germil, min. 84)

Salamanca CF UDS: Villanueva, Gassama, Casado, Murúa, Cristeto, Amaro, Galván (Alvarito, min. 76), De Tomás (Emaná, min. 64), Óscar Lorenzo (Ares, min. 64), Juancho (Cantero, min. 85) e Parra

Árbitro: Sergio Álvarez Ordóñez, do comité asturiano. Amoestou a De Tomás (min. 41), Mane (min. 54), Murua (min. 60), Guerrero (min. 63), Amaro (min. 69), Cristeto (min. 79), Emaná (min. 88), Alvarito (min. 90+5) e Ares (min. 90+5)

Gol: 0-1 Martín Galván (min. 48)

Incidencias: partido disputado na Cidade Deportiva correspondente á 32ª xornada (antepenúltima) no grupo 1º de Segunda Federación.