RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Diego Villares cre que "en canto sexamos capaces de encadear unha serie positiva podemos mirar cara arriba"

Diego Villares cre que unha vitoria este domingo 15 de decembro ás 21:00 (hora galega, 20:00 hora local, LaLiga TV Hypermotion) no Heliodoro Rodríguez López de Tenerife "sería despegarnos desa zona baixa, que é o que necesitamos".

Recoñece que na clasificación de LaLiga Hypermotion "sempre miras ao que tes máis preto. Todos queremos mirar máis arriba e non abaixo".

Non oculta que "nos gustaría mirar un pouco máis arriba e en canto sexamos capaces de encadear unha serie positiva podémolo facer".

Con 3 partidos até o parón do Nadal e para o final da primeira volta, asegura que "non facemos contas. Imos semana a semana tentando sacar o máximo a cada partido, os máximos puntos posibles, que iso é o que che vai a dar a tranquilidade".

Admite Villares que "nos está custando un pouco máis sacar os partidos adiante en ABANCA-RIAZOR. Estamos máis cómodos fóra, polo menos os resultados así o fan ver. Agora temos outro partido fóra e tentaremos facer un bo encontro e traer os 3 puntos".

Cre que "os rivais veñen a ABANCA-RIAZOR preparados para o partido que teñen que facer e a partir de aí ponnos as cousas complicadas. Cústanos un pouco máis propor xogo e ser dominadores, que é a base da que debemos de partir para mellorar".

Ve a Óscar Gilsanz como "sempre, aínda que cos seus pequenos cambios"; e resta importancia á ausencia de Lucas este domingo porque "é normal. Nun equipo sempre hai moitas baixas e máis entrada a temporada por lesións ou sancións. Esperemos recuperar canto antes a todos os efectivos".

Finalmente, do CD Tenerife, o centrocampista branquiazul afirma que "está a pasar momentos complicados. Na temporada hai momentos complicados para todos. Temos que saber xogar con iso e sacar o máximo partido posible".

Iso si, apunta que non hai que fiarse porque "tes as súas armas arriba con xogadores moi dinámicos. En casa sempre van saír moi motivados e van querer dar o mellor".