O Dépor ABANCA empatou (2-2) este sábado 11 de outubro en ABANCA-RIAZOR ante o DUX Logroño, en partido correspondente á 7ª xornada en Liga F.
Este punto "sabe a derrota" segundo recoñeceu Fran Alonso na rolda de prensa pospartido, posto que As Nosas ían gañando por 2-0 no minuto 44.
Con este resultado, o conxunto deportivista suma 6 puntos, situado nunha provisional 12ª posición.
Espe Pizarro foi a única baixa mentres que Paula Novo a única canteirá na citación. Redru, Carmen e Michi Apóstol, futbolistas que durante a semana están en dinámica do primeiro equipo, foron co filial a Vigo para medirse ao RC Celta.
Pola súa banda, o DUX Logroño, que a pasada fin de semana empatou (1-1) no seu campo co Granada CF, chegaba en 14ª posición con 3 puntos.
O partido arrincou da mellor maneira posible.
A rioxana Falfán cabeceou fóra un balón perdido na área deportivista e case á xogada seguinte, aos 7 minutos, Bárbara Latorre rouba un balón nun erro no pase do equipo visitante e cede á súa dereita a Ainhoa Marín, que libre de marca, bate á ex deportivista Miralles.
Pouco despois, Rebeca salva baixo paus un remate de Raquel após unha falta lateral. A central deportivista estivo a piques de aproveitar un mal despexe de Miralles.
A propia Rebeca comete penalti por man a un centro de Bárbara.
Millene, que volvía ao once inicial após superar a súa lesión, engana a Mirelles e no minuto 23 sobe o segundo gol deportivista ao marcador.
Pouco despois, Bárbara Latorre márchase de Rebeca e mete o balón no recanto esquerdo da portería do DUX.
A colexiada do encontro, a madrileña Alicia Espinosa, anula o gol por fóra de xogo no inicio da xogada.
"Empezamos moi ben. En 30 minutos tiñamos dous goles. Estabamos a facerlles dano. O plan de xogo saíu perfecto", comentou o técnico deportivista.
O partido cambiou de rumbo no desconto da primeira metade.
Paula Partido ingresa na área nunha rápida transición, mete un balón raso ao centro e Isina, co tacón, de costas e caéndose, mete ao DUX Logroño no partido ao bater a Inês Pereira.
"Ese gol fíxonos moitísimo dano", admitiu o técnico deportivista.
Con 2-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, "o segundo tempo foi malo. Non soubemos atoparlles o espazo ás costas", recoñeceu o preparador deportivista.
De novo a árbitra do partido anulou un gol, esta vez á rioxana Asenjo, tamén por fóra de xogo. Corría o minuto 52.
O partido era do DUX, que empatou o encontro no 69.
Isi colga un balón á área e Mawete imponse ás centrais do Dépor ABANCA para bater a Inês Pereira.
O partido concluíu con outra revisión. No minuto 92, Annelie cae na área deportivista ante a entrada de Samara. O técnico do DUX solicita que se revise a xogada. Alicia Espinosa, após pasar polo VAR, ordena seguir o xogo.
Repartición final de puntos entre Dépor ABANCA e DUX Logroño.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Merle Barth, Raquel (Marina Artero, min. 75), Vera, Samara, Lucía Martínez (Olaya, min. 64), Henar (Paula Gutiérrez, min. 83), Paula Monteagudo, Ainhoa Marín, Millene ( Eva Dios, min. 83) e Bárbara Latorre (Marisa, min. 75)
DUX Logroño: Miralles, Rebeca, Nata (Mawete, min. 55), Marta, Annelie, Morcillo, Amoh (Laura M., min. 84), Falfán, Partido (Pau Rubio, min. 82) e Asenjo (Matthews, min. 55)
Árbitra: Alicia Espinosa, do comité madrileño. Amoestou a Nata (min. 46) e Olaya (min. 90)
Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 7); 2-0 Millene, de penalti (min. 23); 2-1 Isina (min. 45+2); 2-2 Mawete (min. 70)
Incidencias: partido da 7ª xornada en Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.160 espectadores
