RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

Estrella Galicia, coa Fundación ADCOR, converte en 'totebags' a lona coa que celebrou a súa renovación de patrocinio co RC Deportivo

Estrella Galicia quere render unha homenaxe a #ANOSAFORZA dunha maneira moi especial: dando unha segunda vida á lona xigante coa que a firma coruñesa celebrou a renovación do patrocinio co RC Deportivo.

Todo iso en colaboración coa Fundación ADCOR, unha entidade coruñesa que promove a inclusión social e laboral de persoas con discapacidade intelectual a través de proxectos sustentables como LONAS.

A Fundación recibe lonas publicitarias, bandeirolas e outros materiais de empresas, administracións e eventos de todo o país, para reciclalos e transformalos artesanalmente en produtos únicos: totebags, bolsas de mercado ou de praia, fundas, llaveros e outros artigos personalizados.

Desa colaboración naceron 100 totebags exclusivas, elaboradas con fragmentos desa lona conmemorativa e confeccionadas con mimo polos usuarios e usuarias dos centros ocupacionais de ADCOR.

Cada bolsa é distinta, única como a historia que leva impresa, e simboliza o espírito que une a Estrella Galicia, ao RC Deportivo e a toda a súa afección: dar o mellor dun mesmo e coidar o que nos une.

Como se fixo?

Unha vez a Fundación ADCOR recibiu a lona, comezou un proceso completamente artesanal.

Primeiro, o material cortouse en grandes fragmentos e pasouse o ferro coidadosamente para eliminar pliegues e facilitar o traballo. 

Despois, medíronse e recortaron as pezas coas dimensións exactas das totebags.

En paralelo, seleccionáronse as asas en función dos tons predominantes de cada fragmento (azuis ou negras), buscando que cada combinación mantivese unha coherencia estética e única.

Con todo preparado, chegou o momento máis especial: a confección manual de cada bolsa, realizada polos usuarios e usuarias dos centros ocupacionais de ADCOR con dedicación e precisión.

Finalmente, cada totebag numerouse individualmente cun selo artesanal, converténdoa nunha peza exclusiva e irrepetible, cunha historia e un fragmento do deportivismo galego en cada costura.