RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso, ante o partido ante o Real Madrid: "Temos que estar ao noso mellor nivel e moi concentradas durante os 100 minutos que dure o partido"

Fran Alonso afirmou esta mañá en rolda de prensa do Real Madrid CF, rival este domingo 21 de setembro ás 18:30 (Dazn) no Estadio Alfredo Di Stéfano, que "acabou a pretemporada non co xogo e resultados que esperaban. Empezou a liga cos resultados que seguramente tampouco esperaban. Pero leva xa 3 vitorias consecutivas, con mellores sensacións".

Resalta que os dous partidos ante o Eintracht de Frankfurt na previa da Champions League "foron claras dominadoras. Ante o Madrid CFF gañaron o partido. Seguro que están moito mellor animicamente. O partido de onte (ante as alemás) non foi moi esixente. A eliminatoria e o partido estaba case resolto no descanso. Non foi un partido tan desgastante como o do Atlético de Madrid. Así que non creo que lles afecte moito ese partido entre metade de semana. Ademais ten un cadro moi amplo e moi bo".

Así pois, espera "un partido dificilísimo contra un rival que está con moita confianza. Conseguiron un dos seus principais obxectivos que era meterse na fase de grupos da Champions. Espérome un rival con confianza alta, con moita calidade. Para sacar algo, como fixemos o ano pasado (2-2), temos que estar ao noso mellor nivel e moi concentradas durante os 100 minutos que dure o partido".

Finalmente, Fran Alonso advirte que ante equipos como o Real Madrid CF "necesitas sempre un factor de sorte para lograr puntuar. O equipo ten moitas ganas, ten confianza. Este ano estanos indo moi ben", recalca.