RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "Crecemos bastante con respecto ao ano pasado"

Fran Alonso pediu en rolda de prensa esta mañá "quitarnos eses nervios" que acusou o equipo na 1ª xornada de Liga F en ABANCA-RIAZOR ante o FC Badalona Women; ademais de "volver a esa confianza que tivemos durante toda a pretemporada e ter as ideas un pouco máis claras. Cando non estás nervioso non se nos nubla esa toma de decisións no último terzo, que non estivemos ben no último partido. Estivemos ben en saída de balón pero logo non xeramos ocasións. Tamén é certo que xogamos contra un moi bo rival".

Lembra que no verán "contra equipos moi bos de nivel Champions ou preto de Champions estivemos presionando agresivo, durante 90 minutos. Iso non se viu de todo en ABANCA-RIAZOR. Queremos que sexa un aceno de identidade do equipo e queremos que pase en case todos os partidos".

Do RCD Espanyol, ao que As Nosas visitan este sábado 6 de setembro ás 12:00 (Dazn) na CE Dani Jarque, opina que "é un rival moi incómodo. Nos primeiros minutos fixeron un bo partido ante o Atlético de Madrid. É un equipo con moitísima calidade e coas ideas de xogo moi claras".

Espera pois "un partido moi difícil contra un equipo moi intenso, con moitísimos duelos" aínda que advirte que "nos preparamos ben. Crecemos bastante con respecto ao ano pasado e teño confianza de que podemos facer un bo partido",

Finalmente Fran Alonso recalca que no vestiario do Dépor ABANCA "hai unha competición moi competida por posicións. Queremos rotar o once e a convocatoria. Son todas importantes e témosllo que mostrar con convocatorias, con minutos de xogo e con titularidades".

Nesa liña ve "moi ben" ás canteirás: "Como Club apostamos por ANOSACANTEIRA. O ano pasado tiveron unha importancia crave no ascenso do B (a Segunda Federación). Adestraban xa connosco, Monteagudo, Novo, Redru... Creceron moitísimo durante o ano e viñeron moi fortes desde pretemporada. Nós que apostamos a canteira, cando unha canteirá o fai ben e merece minutos ímosllo a dar, independentemente da súa idade ou experiencia".