Fran Alonso manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center que "estamos nun bo momento anímico. É certo que 2 derrotas consecutivas é algo que quereriamos evitar. Contra o Real Madrid CF era algo moi posible. O ano pasado competimos moi ben pero este ano non tivemos un bo partido. Foi o noso peor partido desde hai moito tempo. Pero o outro día (ante o Madrid CFF) no primeiro tempo non estivemos ben pero axustamos moi ben ao descanso e no segundo tempo logramos que xogasen moito pase atrás, moito balón á porteira... Xogamos case todo o tempo en campo contrario. Tivemos mala fortuna con decisións do VAR. É unha derrota pero as sensacións do segundo tempo foron boas. Sentimos ben contra un equipo moi forte".
Así pois, insiste en que o Dépor ABANCA "está moi ben animicamente. Temos moita confianza e sabemos que agora, contra un rival da nosa liga (o Alhama CF El Pozo) é un partido importantísimo para cumprir o obxectivo de estar este ano máis tranquilas".
Admite que a pasada fin de semana, o gol do triunfo madrileño nos últimos minutos "foi un pau porque o partido xa estaba acabado e houbo moito parón polo VAR, a lesión de Samara... E nese tempo engadido veu un penalti que non é penalti baixo o noso punto de vista. Houbo frustración e foi duro. Pero a reacción do equipo foi moi boa. Mesmo logramos o máis difícil que era empatar o partido e estivemos preto de gañalo. Tivemos ocasións para gañalo. Fixemos cambios ofensivos para gañar o partido. O empate non nos valía. Ás veces cando arriscas sáeche ben e ás veces sáeche mal. Neste caso, a 2 minutos para o final, a pelota parada fixéronnos o gol. É moi decepcionante pero aínda así non embaza o bo segundo tempo do equipo. Fomos moi agresivas, valentes, con moitísimo mellor trato do balón. Sacudímonos os nervios da primeira parte onde non nos atrevemos. Esas son as sensacións que necesitamos para este partido. Eses niveis de concentración van ser claves sobre todo ante un equipo como o Alhama CF El Pozo".
Precisamente do conxunto murciano, rival este domingo 5 de outubro ás 12:00 (Dazn) no Pinatar Area "é un equipo recentemente ascendido que ten 5 puntos. Son números moi bos. É algo moi difícil nunha primeira temporada en Liga F, cun calendario difícil que tiveron. De momento estano facendo moi ben".
Resalta Fran Alonso do Alhama CF El Pozo que "ten as ideas moi claras, é vertical e directo. Fai as transicións ofensivas con moitísimas xogadoras. É un pouco impredicible. Deixan xogadoras descolgadas para axudar nesa transición, 2, 3, até 4 xogadoras. Por iso os nosos niveis de concentración teñen que estar ao máximo porque como nos desconcentremos é un rival moi perigoso na transición".
Por contra, "se cadra nesa fase defensiva poden estar máis expostas. Un 2-4 no último partido reflicte un pouco isto". "É un rival directo, un partido difícil sobre todo fóra pero nós temos as sensacións dos últimos 45 minutos para ir coas ganas de traernos os 3 puntos", concluíu.
