RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "Queremos ser un equipo moitísimo máis forte, máis agresivo"

Fran Alonso advirte que o feito de que o primeiro partido en liga, ante o FC Levante Badalona, sexa en ABANCA-RIAZOR "é un aliciente. Queremos que sexa unha boa pretemporada, crear excitación en #ANOSAFORZA. Esperamos que teñamos unha boa entrada e que a xente se ilusione co equipo deste ano, que pode ser moi bonito".

Cre "moi importante empezar ben ese primeiro partido pero todos van ser unha final para nós. Sempre é importante non só conseguir os 3 puntos senón tamén as boas sensacións. Incluso os amigables de pretemporada para nós van ser importantes. Ter boas sensacións, coller confianza e asimilar ese modelo de xogo que queremos implementar este ano".

A súa meta é "facelo mellor do que fixemos o ano pasado. En función de como empecemos marcarémonos obxectivos. Queremos superarnos, queremos mellorar, que a nosa afección se ilusione connosco; pero tamén na táboa queremos escalar posicións, queremos ser un equipo moitísimo máis forte, máis agresivo, e conseguir unha mellor posición na táboa e mellores resultados do que fixemos o ano pasado".

O técnico do Dépor ABANCA advirte que este verán "podemos traballar co equipo desde o principio. O ano pasado só puidemos cambiar unhas poucas cousas. Non podiamos cambiar todo. O equipo asimilouno ben. Pero este ano temos a oportunidade desde o principio de instalar o noso modelo de xogo, con algunhas xogadoras novas, con xogadoras que quixemos manter e mantivemos. Así que vai ser moi importante ter esta pretemporada xuntas, coñecernos, construír esta familia e iso vai ser o máis importante".

Lembra que os rivais en Liga F "van ser bastante complicados. A liga creceu e segue crecendo".

Destaca que "o Atlético de Madrid reforzouse moi ben, a Real Sociedad está a reforzarse moi ben. Aínda non se pechou o mercado de fichaxes. Hai equipos que están aínda xestionando esas fichaxes. Eses equipos a priori, co Real Madrid, polo que levamos de mercado reforzáronse moi ben e van ser rivais moi perigosos. Ademais deles temos ao campión de liga, que vai ser sempre un dos favoritos. Vai ser unha temporada difícil pero nós reforzámonos moi ben e temos moita confianza que este ano pode ser moi bo para nós".

Finalmente considera acertado que a liga empece antes, a última fin de semana de agosto: "Axúdanos que o parón estival non sexa nin moi longo nin moi curto. Se cadra as internacionais van necesitar un perido extra de vacacións pero é positivo e vainos a axudar".