RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Germán Parreño cre que o seu Premio Estrella do mes de marzo é un premio ao traballo defensivo. Máis que para min é para o equipo

Germán Parreño Boix (16 de febreiro de 1993, Elxe) recolleu esta mañá na sala de prensa de Abegondo o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do pasado mes de marzo polas súas actuacións nos partidos de liga ante CD Lugo, Nástic, CE Sabadell FC, CF Rayo Majadahonda e UE Cornellà.

A terna de finalistas elixidos polos medios de comunicación que cobren a diario a información do equipo branquiazul foi a formada por Germán Parreño, Yeremay e Hugo Rama.

Na votación final, Germán foi o elixido co 51% dos votos dos afeccionados, por 40% de Yeremay e 9% de Hugo Rama. 

A meta deportivista resalta que "é un premio ao traballo defensivo. Máis que para min é para o equipo, para o traballo que está a facer e que se vexa reflectido en premios, pero sobre todo en resultados".

Con 3 partidos consecutivos sen encaixar, afirma que as súas sensacións son "boas. Estamos contentos polos resultados e con ganas de seguir".

Asegura que Os Nosos xa na primeira volta "confiabamos porque o traballo era bo, o que pasa que os resultados non estaban a saír nese momento. Grazas a confiar e seguir traballando van saíndo os resultados".

Insiste en centrarse en "nós. Hai equipos que o están facendo igual ou máis ou menos como nós. Ao final é centrarnos en nós. Sabiamos que os equipos traballan, hai bos xogadores, bos equipos, ben traballados e iso tennos que motivar para centrarnos máis se cabe no noso traballo".

Vaticina este sábado ás 20:00 horas (FEF TV) no campo Pinilla ante o CD Teruel, 4º equipo nunha clasificación na que contasen unicamente os partidos da segunda volta, "un partido difícil, no que temos que estar moi metidos e dar o cento por cento".