RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Germán Parreño: Está a facerse un Dépor moi traballador, moi sensato, no que o máis importante sexa o grupo

Germán Parreño Boix (Elxe, Alacante, 16 de febreiro de 1993) foi presentado esta mañá en Abegondo como xogador do RC Deportivo até xuño de 2025.

Despois do tradicional posado coa camiseta oficial de porteiro desta temporada, acompañado polo Director Deportivo Fernando Soriano, o meta ilicitano compareceu na sala de prensa de Abegondo.

Ante os medios de comunicación, Fernando Soriano deulle a benvida, repasou o seu curriculum e explicou que a portería do Dépor conta que con "máis que 2, diría 3 porteiros de altísimo nivel. Porteiros, por desgraza, só xoga un. É a posición máis específica que hai no fútbol, na que un equipo cunha esixencia como a que falamos todos os días debe ter esa posición ben cuberta".

Promete o Director Deportivo branquiazul buscar "as maiores competencias en cada un dos postos, non só na portería. Encántame asinar xogadores que saiban estar no banco porque para ser titulares todos están preparados. Nunca lle ofrezo nin lle prometo a ninguén xogar. E menos nun Deportivo. Iso hai que gañalo nos adestramentos. A partir de aí, o adestrador é o que decide. Agora mesmo con Ian, con Alberto e con Germán estamos cubertos".

Pola súa banda, Germán Parreño aprecia que se está facendo un Dépor "moi traballador, moi sensato, no que o máis importante sexa o grupo, as ganas de traballar e o día a día de cada un. Penso que é a maneira de conseguir os obxectivos, facer un grupo con futbolistas traballadores, que saiban traballar en conxunto e que miren polo obxectivo colectivo".

Explica sobre a súa chegada que "tiña contrato no meu anterior equipo, pero desde que chega o interese dun club como o Dépor, ábrese a posibilidade e téñoo claro. Tanto a miña familia como eu temos claro que vir aquí a un club histórico, con tanta traxectoria e tan importante no fútbol español era un paso cara a adiante".

Nunha demarcación na que se vai a atopar a competencia de Mackay e Alberto, subliña que vén a "un proxecto moi importante e necesitas competencia en todas as liñas. Creo que é o mellor para competir ao máximo e para sacar os obxectivos. A competencia en cada liña vai ser máxima e iso vai ser o mellor para o Dépor, sen dúbida".

O novo meta branquiazul insiste en que a presión polo ascenso "por suposto que motiva" e recalca que "buscaba un proxecto ambicioso, un proxecto no que sentise o fútbol cada fin de semana e estou no lugar idóneo para facer iso. É algo que me motiva e motiva a moitos xogadores a vir aquí".

De feito, opina que a presión "leva no noso xogo, no noso traballo. Eu compároo moitas veces co cirurxián que está nunha operación complicada, se cadra cun corazón aberto e ten a presión de se sae ben ou sae mal. Nós estamos na portería. Temos as aptitudes e actitudes para desenvolvernos porque o levamos facendo toda a vida. E a presión está, o sentimento de todo o que iso leva, pero estamos preparados e sentímolo así como para estar no terreo de xogo e é o que nos gusta. Levámolo cada un no noso ADN. Xogamos ao fútbol porque nos gusta, porque nos encanta, porque se nos dá ben e é o que me motiva e o que me fai seguir xogando".

Germán Parreño vén a ABANCA-RIAZOR "a sumar como todos os meus compañeiros, a achegar o meu gran de area para que o Dépor volva onde merece e iso é o que máis me motiva e polo que vin aquí".

Considérase un porteiro "que entende o xogo, o que necesita o xogo e cada maneira de xogar ou de interpretar os partidos".

Cualifica de "moi complicado" o grupo no que quedou encadrado o Dépor en Primera Federación: "A competición véxoa como Segunda División, é que é como Segunda División, pero non estamos no escaparate. Vai ser moi complicado, vai ser difícil e temos que ser conscientes e empezar a adestrar ao 100% e competir ao 100% desde o día 1".

Finalmente, confesa falar xa con Ian Mackay, un dos seus compañeiros de demarcación: "Os que estamos aí, os que estamos a participar cabe a posibilidade de que salga ben, salga mal, pero todos queremos que salga ben. O que está aí ten as habilidades, a actitude e as aptitudes para que salga todo ben, pero hai cousas que poden pasar", á vez que desvela que a sensación que lle transmite o meta coruñés é que "el empeza de cero, sabe ao que se dedica, leva moitos anos e non lle dá máis bombo do que realmente é".

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK