RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Helton Leite subliña que veñen "11 partidos moi importantes para o Club, para min, para todos"

Helton Leite lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "levamos 4 partidos sumando e teño moitas ganas de gañar o próximo partido".

Nesta liña, cre que o partido deste domingo 23 de marzo ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena (LaLiga TV Hypermotion) é "moi importante. Temos moitas ganas de volver a ABANCA-RIAZOR e ir a polos 3 puntos".

Sobre a falta a Mella antes do primeiro gol do CD CastellóN confesa que "no campo non a vin e creo que outros xogadores tampouco. Despois do partido si me pareceu falta pero aí xa non hai nada que facer".

Destaca que após esa igualada castellonenca "o equipo reaccionou ben e non estivemos a pensar nesa xogada porque nese momento non tiñamos claro que fose falta. Non nos afectou".

Con ampla experiencia no fútbol profesional, sobre os erros arbitrais Helton Leite admite que "pode haber en contra, a favor... Son seres humanos. Ademais de haber un VAR hai sempre interpretacións. Entón hai que respectalas e facer o noso traballo. Non estou a pensar niso, estou a pensar no FC Cartagena".

Finalmente, sobre o seu futuro, o gardameta branquiazul lembra que "temos 11 partidos moi importantes para o Club, para min, para todos. Teño un ano máis e non estou a pensar en nada diso. Estou contento, feliz e centrado en adestrar moi ben".