RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS23 abr 2025

Hugo Rama confesa que "cada vez que saio a ABANCA-RIAZOR é unha felicidade" e asegura que "estou onde quero estar"

Hugo Rama foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Afirma que "todos queriamos a salvación canto antes. Aínda non a conseguimos pero estamos preto. Tiñamos a ilusión de acabar o máis arriba posible. Agora non pensamos en máis nada que en gañarlle ao Real Racing Club (este domingo 27 de abril ás 16:15 en El Sardinero). En ABANCA-RIAZOR custounos un pouco máis. Queremos acabar da mellor maneira e no mellor posto posible".

O canteirán deportivista admite que "non é unha temporada fácil para min" aínda que asegura que "me atopo ben, con forzas para seguir sobre todo polo apoio do Club e dos meus compañeiros. Iso é o máis importante. Por iso cando saio fágoo coas mellores sensacións e as máximas ganas".

Explica que "a temporada pasada acabeina lesionado e estiven aquí todo o verán traballando para que fose unha gran temporada porque tiña moita ilusión e moitas ganas. Fixen unha gran pretemporada e ao final non se contou comigo. Non perdín as ganas de facelo ben porque estou onde quero estar".

Recalcou que nunca pensou nunha saída: "É verdade que estou triste por non xogar, como todos os meus compañeiros que non xogan, pero estou onde elixín estar, con todas as consecuencias. Ata que se acabe o meu contrato tiña claro que non me quería ir de aquí".

Hugo Rama cre que "todos os futbolistas queren participar. Somos moi egoístas todos en querer xogar todo. Somos moitos xogadores que estamos sen xogar. Estou contento polo menos por poder saír ao campo. Cada vez que saio a ABANCA-RIAZOR é unha felicidade. Só penso nestes partidos que quedan seguir participando o moito ou pouco que se poida e facelo o mellor posible".

Non pensa no seu futuro porque "tento gozar cada día aquí en Abegondo, cada viaxe ou cada partido en ABANCA-RIAZOR. Oxalá puidese seguir aquí moito tempo pero tamén entendo a miña situación e sei que non é fácil".