RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Hugo Rama: Somos conscientes da situación pero non estamos preocupados porque confiamos no equipo, nos xogadores que temos

Hugo Rama pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo minutos antes de arrincar a sesión de traballo do primeiro equipo masculino.

O futbolista galego subliña que o que lle está faltando ao Dépor é "gol. O míster para darnos un pouquiño de ánimo púxonos os datos, que agora está moi de moda pór os datos. Es o equipo que máis chega, ao que menos lle chegan, o que máis pases clave dá en campo contrario. Está a faltarnos o gol. O partido da Celta Fortuna a primeira parte non é boa, os últimos minutos en Fuenlabrada, pero en global os outros partidos na miña vida que estou a xogar ao fútbol, non sentín tan superior como moitas veces co Dépor. Sabemos que isto pasa no fútbol e que se non metes gol non ganas. É así".

Asegura que no vestiario "somos conscientes da situación na que estamos pero non estamos preocupados porque confiamos no equipo, nos xogadores que temos. Sabemos que temos que dar máis pero non estamos preocupados por estar en descenso porque non é o que se está reflectindo nos partidos nin nas nosas sensacións".

Destacou que o outro día en Ponferrada o equipo "deu a cara. Era un partido complicado contra un rival dos máis fortes da categoría. Cando nos meten o gol xa estabamos ben e aínda co gol o equipo sacou coraxe, personalidade para ser protagonista do partido. Chegou o empate e mesmo podiamos facer máis".

Preguntado polos erros arbitrais, o centrocampista branquiazul apuntou que "isto vén de anos atrás. Segues ao Dépor e ves cousas que non teñen sentido. O VAR é unha axuda. Aquí non hai e tes que xogar con iso. A expulsión é un pouco rigorosa. É unha entrada forte pero non lle dá. Eu estou á beira e non lle dá. E os fóras de xogo son fóras de xogo e punto".

Sobre Imanol Idiakez, comentou que "nel confiamos todos. Non hai un xogador no cadro que poida dicir algo malo del. É un currante, está sempre pendente dos que xogan, dos que non, do corpo técnico, de todo o mundo. É unha persoa 10, é un adestrador perfecto para o equipo que temos e que as cousas non estean a saír, para nada ten que ser culpa del porque os principais protagonistas somos os xogadores e temos a mesma culpa todos".

Hugo Rama advirte que este sábado 21 de outubro na Nova Creu Alta de Sabadell (19:00, FEF TV), "necesitamos a vitoria para facernos máis fortes e volver a ABANCA-RIAZOR con outra cara".

E precisamente do CE Sabadell FC indicou que "é un equipo que non está ben pero ten futbolistas para xogar ao fútbol. Tiña unha idea clara pero agora cambiaron de adestrador. Estamos á expectiva de como vai ser. Cando hai un adestrador novo adóitase cambiar de forma de xogar".