RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Iano Simão fala do seu debut en ABANCA-RIAZOR como o soño de todo canteirán

Iano Simão pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo após a súa subida e debut co primeiro equipo a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o CF Fuenlabrada.

Confesa que os seus primeiros minutos co Dépor viviunos "un pouco nervioso pero moi contento coa oportunidade de debutar nun campo como ABANCA-RIAZOR. É un soño de todo canteirán. Estou moi agradecido".

Mostrouse "moi contento coa oportunidade", á vez que subliña que pasou "moitos sacrificios e moito traballo para chegar até aquí".

Despois de vestir a primeira camiseta branquiazul acórdase do adestrador do CD Choco en Redondela "e de Óscar Gilsanz, que me axudou moito a mellorar. Téñolles moito agarimo e doulle grazas a eles".

O lateral deportivista asegura que os seus novos compañeiros "acolléronme moi ben, como un máis. Estou moi contento con eles".

O internacional por Guinea-Bisàu advirte que "as cousas son moi diferentes aquí (respecto do seu país de orixe). Tesche que adaptar á comida, ao clima. Tesche que sacrificar moito, hai que traballar duro. Temos familia en África que necesitamos axudala. Aos poucos voulles axudando".

É consciente que está inmerso nun proceso de aprendizaxe a pesar da súa chegada ao primeiro equipo: "Día a día si que vou mellorando", apunta.

Así mesmo, desvela que Mikel Balenziaga, o seu competidor no lateral esquerdo, "é a miña referencia como futbolista. Estou a aprender con el e crecendo". De feito, subliña que "me dá moitos consellos. Os 'Pablos' (en referencia aos centrais Martínez e Vázquez) axudáronme moito a corrixir e mellorar".

Precisamente a súa meta fixada nestes primeiros meses é "aprender día a día, mellorar e esperar a oportunidade".

Conta que a súa despedida do Fabril foi "un pouco triste pero é un salto para min, bo tamén para a miña familia. Quérolle dar as grazas a eles e que todo salga ben".

Preguntado finalmente polo seu futuro, Iano Simão asegura que está "centrado en mellorar día a día. Quero seguir aquí como un deportivista máis pero agora estou concentrado en traballar día a día".