RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez, novo adestrador do Dépor

Joseba Imanol Idiakez Barkaiztegi (San Sebastián, Gipuzkoa, 14 de marzo de 1972) é o novo adestrador do RC Deportivo.

Imanol Idiakez xa conta con década e media de experiencia nos bancos. A súa carreira comezou na Real Sociedad B en 2008, pouco despois de retirarse como futbolista após máis de 350 partidos en Segunda B co propio filial realista, Beasain KE, Real Avilés Industrial, Burgos CF, CF Ciudad de Murcia, Linares Deportivo, Girona CF e CF Reus Deportiu.

A súa experiencia como adestrador tamén abarca principalmente a terceira categoría do fútbol nacional, na que dirixiu 243 encontros en 6 clubs: Real Sociedad B (2008-09), Polideportivo Ejido (2010-11), CD Guijuelo (2011-12), Real Unión de Irun (2012-13), CD Toledo (2013-14) e Lleida Esportiu (2014-16). En todos eles comezou e concluíu a temporada, salvo no cadro almeriense, ao que chegou trala 30ª xornada para ocupar a praza do destituído José Antonio Lirola.

Tralo seu paso polo club ilerdense emigrou ao fútbol chipriota para facerse cargo da AEK Larnaca, club ao que dirixiu dúas campañas (2016-18) nunha primeira etapa que pechou coa conquista da Copa de Chipre en 2018.

Imanol Idiakez regresou a España para estrearse en Segunda División co Real Zaragoza. Dirixiu ao conxunto maño até outubro e en xaneiro regresou á AEK Larnaca. Nas súas tres campañas no club chipriota participou na segunda competición continental, a Europa League, na que dirixiu 22 encontros.

No verán de 2020, Imanol Idiakez incorporouse ao Villarreal CF para exercer de segundo adestrador de Unai Emery. Na primeira das súas dúas campañas no corpo técnico vilarrealense, o 'submarino amarelo' sumou o maior éxito da súa historia, ao conquistar a Europa League. Na segunda, alcanzou nada menos que as semifinais da Liga de Campións. No campionato ligueiro, o Villarreal CF logrou dous sétimos postos nas dúas temporadas co novo técnico deportivista como segundo adestrador.

Despois das dúas campañas no conxunto castellonenco, ao comezo da temporada pasada fíxose cargo do CD Leganés. No conxunto pepinero, Imanol Idiakez dirixiu 34 encontros na categoría de prata.