RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Imanol: "O máis importante para un equipo é progresar e eu creo que estamos a progresar"

Imanol Idiakez reflexionou ante os medios de comunicación este mediodía na sala de prensa de Abegondo sobre a situación do equipo na táboa clasificatoria (19ª con 8 puntos): "Nós temos a sorte de que o que o ano pasado foi unha desgraza, que é pasar unha primeira volta sufrindo como ca... é unha experiencia que nos serve para entender como funciona isto, como van as dinámicas e o que significan. É tan recente que é imposible que non nos dea tranquilidade saber que o ano pasado foi algo parecido".

Considera "lóxico en certa medida que esteamos a pagar tanto a inexperiencia na categoría como as adaptacións da xente que chegou".

O técnico deportivista pensa que "o máis importante para un equipo é progresar e eu creo que estamos a progresar, que estamos a facer cousas mellor que ao principio. Por suposto que temos moitísimo marxe de mellora, moitísimo; e temos que chegar até aí. Pero todo necesita o seu tempo e aínda que non queiramos, ás veces para aprender a andar necesitas caerche".  

Insiste en que "é un proceso que hai que pasar e aínda que á xente non lle gusta sufrir, ás veces sufrir é moi recomendable".

Sobre a ausencia de Yeremay, concentrado coa selección española sub-21 en plena competición oficial de clubs, asegura que "temos un cadro suficiente como para liquidar calquera ausencia. Yeremay está nun grandísimo momento, pero o domingo hai posibilidades e vou ter que tomar decisións porque teño diferentes opcións para o partido que vou tomar en función do que espero tamén do rival".

Finalmente do Elche CF, rival este domingo 13 de outubro ás 21:00 horas no Estadio Martínez Valero (LaLiga TV Hypermotion), opina que é "moi bo equipo. Fai pouquiño estaba en Primera e mantén aínda xente mesmo do cadro de Primera División, con algún bo investimento, cun adestrador que ten unha idea de xogo moi clara, un equipo que aposta por tentar ser dominador a través da pelota, con moi bos futbolistas. É outro deses rivais importantes da categoría e que por suposto temos que facer moi ben as cousas se queremos sacar algo de aí".