RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Importante vitoria dun loitador Dépor en Las Llanas (0-1)

O Deportivo impúxose nun partido loitado e pechado na súa visita ao Sestao River Club mercé a un solitario tanto de Lucas, ao transformar un penalti cometido sobre Yeremay, que deixa aos branquiazuis un pouco máis preto do seu obxectivo.

A primeira parte foi escasa en ocasións de perigo, aínda que ambos os equipos merodearon a área contraria en numerosas ocasións. O Dépor, como exemplo, forzou practicamente media ducia de saques de esquina.

A mellor ocasión branquiazul produciuse no minuto 13, cando Barbero roubou a carteira ao porteiro Sergi Puig no vértice da área grande e o balón caeu a pés de Lucas, que disparou cun defensa baixo paus e sen gardameta, pero o esférico foise por riba do traveseiro.

O Sestao River Club tivo a súa mellor opción xusto cando se cumpría a media hora de xogo. Germán rexeitou o remate de socato de Guruzeta após unha deixada de cabeza de Aranzabe a centro de Jon Cabo desde a dereita do ataque vasco.

O Dépor controlou moito mellor as acometidas do Sestao River Club na segunda metade, aínda que tampouco atopou a forma de dominalo e facerlle dano. Aínda así, as únicas ocasións claras da segunda metade estiveron nas botas dos branquiazuis.

A primeira delas, con todo, saíu da cabeza dun xogador local. Lucas lanzou un córner no minuto 54 que Guruzeta cabeceou cara á súa propia portería. O porteiro verdinegro atrapou a pelota.

No minuto 69, Sergi Puig atrapou en dous tempos un disparo afastado de Paris Adot. Pouco despois, chegou a acción que decidiu o encontro. Corría o minuto 72 cando Yeremay internouse na área entre dous defensas, o primeiro fíxolle a cambadela e o segundo agarrouno polo ombreiro. O colexiado sinalou o punto fatídico, desde onde Lucas bateu ao gardameta verdinegro. Foi o undécimo tanto do capitán no curso ligueiro e o número 54 coa camiseta branquiazul, co que iguala a Donato na décimo oitava praza do ranking histórico de goles en partidos oficiais.

Puido aumentar a súa conta o '7' branquiazul no minuto 85, nun libre directo que Sergi Puig desviou a córner nunha gran intervención.

Nos minutos finais, o Dépor soubo contemporizar para conservar a súa vantaxe e sumar tres novos puntos vitais, cos que mantén o liderado con 4 puntos de vantaxe sobre o Barcelona Atlètic, que esta tarde tamén derrotou ao SD Tarazona (2-1). O filial azulgrana visitará o vindeiro domingo ABANCA-RIAZOR, nun partido no que os branquiazuis terán a opción de, no caso de ganar, consumar o seu regreso á Segunda División.

O Deportivo só perdeu un dos últimos 24 encontros e suma 13 vitorias e 3 empates nos últimos 16 partidos. Ou o que é o mesmo, 42 dos últimos 48 puntos en xogo. Con 71 puntos, lidera o grupo 1 de Primera Federación, por diante de Barcelona Atlètic (67), RC Celta Fortuna (61, xa sen opcións de alcanzar ao Dépor), Gimnàstic de Tarragona (60, pero cun partido menos) e SD Ponferradina (57, tamén un encontro menos e xa sen posibilidade de alcanzar a primeira plaza).

Sestao River Club: Sergi Puig, Markel (Carbonell, min. 77), Mirapeix, Gaizka Martínez, Álvaro Mateo (Ibai Sanz, min. 87), Garai (Ozkoidi, min. 87), Álvaro Gete (Armando Corbalán, min. 77), Jon Cabo (Kaxe, min. 65), Guruzeta, Aranzabe e Leandro Martínez.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga (Dani Barcia, min. 90), Jaime, Diego Villares, Mella (Davo, min. 90), Lucas, Yeremay e Barbero (Rubén López, min. 87).

Gol: 0-1 Lucas, de penalti (min. 72).

Árbitro: Manuel Pozueta Rodríguez (c. cántabro). Cartón amarelo a Pablo Vázquez (min. 50), Guruzeta (min. 84) e Rubén López (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 35ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no campo Municipal de Las Llanas, cheo con 4.100 espectadores, con máis dun milleiro de deportivistas nas bancadas.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK