Iván Barbero foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
Con experiencia xa en Segunda División (41 partidos xogados na categoría), advirte que "é unha liga moi igualada onde si que marcan diferenza os pequenos detalles" e á vez lembra que a súa etapa no AD Alcorcón (temporada 2020-21) "foi a miña primeira experiencia no fútbol profesional e quizais me custou un pouco adaptarme. O equipo tampouco estaba a ter os resultados que queriamos e custábanos moito ter ocasións de perigo. Un dianteiro nese aspecto si que se ve mermado. Foi un ano de moita aprendizaxe e logo os que tamén foron vindo até o día de hoxe. Son outro tipo de dianteiro que crecín máis, e tamén como persoa".
Por este motivo, o dianteiro deportivista admite ter "esa espinita cravada de facer bos números no fútbol profesional, en Segunda División. Estou con moitas ganas, con moita ilusión e creo que vai ser un ano ilusionante para todos. Queremos aspirar todo o máis alto".
Nestes primeiros días de traballo asegura estar "con moitas ganas de coller ese punto de forma que necesitamos todos e con moitas ganas de que empece a competición".
O futbolista andaluz subliña, co regreso de Mario Soriano, que "é bo ter esa competencia e quizais tamén veñan máis xogadores na parte de arriba para que o míster poida elixir. Nós estamos no día a día para pór as cousas difíciles e demostrarlle que temos sitio no once".
Finalmente, despois de superar unha lesión de xeonllo a temporada pasada que o tivo varios meses á marxe do grupo, Iván Barbero apunta que "tiven a desgraza desa lesión tan longa, pero cheguei ben á última fase da competición. Todo saíu ben, conseguimos o obxectivo, que era o máis importante. Agora si que tiven tempo para poder descansar, para estar cos familiares, cos amigos, que é o que me has botei en falta, e quizais resetear un pouco a mente, que tamén é importante, e volver con moitísimas máis ganas".