
Jaime: É normal que ANOSAFORZA che esixa. Isto é ou Dépor, sabemos onde estamos, hai que asumilo, darlle a volta a isto e xa está
Jaime Sánchez, que pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, cre que o partido deste domingo 15 de outubro no Toralín ante a SD Ponferradina (18:00 horas, FEF TV) é "perfecto. Unha vitoria daríanos moita confianza, moitas ganas de seguir e de remontar isto".
Apunta a que na Coruña "hai moita afección e moi boa. É normal que nos esixa, #ANOSAFORZA ten moita ilusión neste ano, levamos varios anos nos que tiñamos un obxectivo e non o conseguimos. É o normal no fútbol".
O central deportivista subliña que "a ninguén lle gusta que a xente lle poida dicir algo, ou os asubíos, pero véxoo normal. É normal que che esixa. Isto é o Dépor, sabemos onde estamos, hai que asumilo, darlle a volta a isto e xa está".
Con afeccionados toda esta pasada noite gardando cola na Oficina de Atención ao Deportivismo para comprar unha entrada para o partido de Ponferrada, Jaime lembra que "este é o meu terceiro ano e pasa isto. Vimos dun partido que perdemos en ABANCA-RIAZOR, que é normal que #ANOSAFORZA se enfade, pero nova semana e a xente segue aí apoiando. Iso para nós é incrible, agradecémolo e oxalá podamos regalarlles unha vitoria esta semana".
Advirte que estes anos na Coruña servíronlle de experiencia: "Cando hai un momento malo é normal que a xente se poida enfadar un pouco, que che esixa, pero iso é o bonito tamén do Dépor, esa esixencia, xogar todas as semanas con tanta xente véndoche. Eu véxoo como un reto, e oxalá podamos darlle a volta a isto, porque eles tamén o merecen".
O defensa branquiazul opina que no vestiario hai "xente que leva menos tempo, pero tamén xente con moita experiencia, que sabe de que vai isto e sei que o imos a sacar adiante".
Pensa que o ambiente en ABANCA-RIAZOR para "a xente nova está claro que é difícil, veche moita xente. Cando vai ben todo é súper bonito, estás nunha burbulla, pero cando hai complicacións hai xente, como todo na vida, que o leva mellor, xente que o leva peor. A xente con máis experiencia toca axudalos e xa está. Coa experiencia van gañando e seguro que xente que se cadra lle afecta un pouco máis lle vai a servir de moita axuda para o que queda de ano e para seguintes anos".
Jaime móstrase partidario do psicólogo no fútbol, figura que no Dépor desempeña Jacobo Ceide como un servizo dependente do SARF (Servizo de Atención ao Rendemento do Futbolista): "É unha das cousas necesarias no Club", recalca.
Finalmente, preguntado por Imanol Idiakez, asegurou que "estamos co míster a matar, confiamos nel. O día a día é marabilloso. Estamos con el e imos estar con el ata o final porque estou seguro que lle imos a dar a volta a isto porque o merece #ANOSAFORZA, nós e o corpo técnico que traballa todos os días para sacar resultados positivos. Hai veces que non saen as cousas como queremos, pero estamos a matar con eles e ímolo a sacar seguro".