RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Jaime Sánchez ve no Dépor "un sentimento moi forte, que vai de pais a fillos. Paréceme súper bonito"

Do mesmo xeito que onte Pablo Vázquez, Jaime Sánchez despediuse este mediodía do RC Deportivo na sala de prensa de Abegondo rodeado polos seus compañeiros e técnicos.

Fernando Soriano, sentado á súa dereita, definiuno como "profesional en maiúsculas e compañeiro exemplar. Os que tivestes a fortuna de estar con el e os que non volo digo, é un xogador, un deportista, un profesional dos exemplares".

O Director de Fútbol branquiazul subliña que "está sempre para defender aos seus compañeiros, prima o colectivo antes que o individual. É digno de eloxiar. Como xogador que fun é dos compañeiros que quixen ter no meu equipo sempre".

Finalmente Fernando Soriano confesou que "son decisións que nos custa tomar e que a nivel persoal afectan moitísimo, xente como ti ou como Pablo Martínez que saiades dun club. Son decisións profesionais e a nivel persoal deixades pegada. Para o Dépor é un orgullo que vestísedes esta camiseta".

Pola súa banda, Jaime, após fundirse nun abrazo co director deportivista, admite que "antes de vir xa sabes o que é o Dépor, a historia que ten. Non estivera nunca na Coruña, non vira nunca un partido do Dépor en ABANCA-RIAZOR. Hai moita xente que viviu os momentos máis bonitos do Dépor pero ves a nenos que verdadeiramente viviron momentos malos, moi poucos bos. E aínda así son do Dépor. Chamoume a atención e faiche ver que é un sentimento moi forte, que vai de pais a fillos. Paréceme súper bonito".

Queda nestas 4 temporadas "co ascenso obviamente. Pero non só o momento, o proceso de todo ese ano. Ao principio foi difícil e logo ese cambio que demos todos, esa conexión que tivemos todos míster-afección-xogadores-corpo técnico fixo que empezásemos a gañar e converteuse nun ano espectacular para todos".

Non se quixo esquecer "dos paus que nos demos os dous primeiros anos (ante o Albacete Balompié e CD Castellón). Serviunos para aprender e para valorar aínda máis o que logo conseguimos".

O central andaluz di sentirse "súper orgulloso de sentirse tan querido. Todos os xogadores queremos xogar o máximo posible pero hai cousas máis importantes na vida. Espero que dentro duns anos cando lle pregunten a Jose Ángel, Villares ou Hugo o primeiro que digan é que 'era un bo tío'. Como xogador non se o que opinarán pero dáme igual. O importante é o que opinen de min como persoa. Aí voume súper orgulloso e súper satisfeito porque se que teño o agarimo de todos eles".

Despois dunha contusión nun ollo sufrida na Romareda o pasado domingo nun choque cun rival, de cara ao encontro deste domingo 1 de xuño ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR ante o Elche CF (LaLiga TV Hypermotion), recalca estar "ben. Parece que ía ser máis pero só é o golpe e o domingo vou estar".

Como sucedeu con Pablo Martínez, ao concluír Jaime fundiuse nun abrazo un por un con todos os seus compañeiros e técnicos.