RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Jaime ten confianza plena no equipo e Salva cre que o fútbol está a ser cruel connosco

Jaime Sánchez e Salva Sevilla pasáronse pola sala de prensa do Municipal de Tarazona.

O defensor deportivista, hoxe mediocentro en substitución do sancionado Jose Ángel, manifestou que "despois do partido que fixemos mereciamos a vitoria. Eles practicamente non tiraron a porta. Ímonos doídos porque eran 3 puntos moi importantes, volver gañar fóra de ABANCA-RIAZOR. Foi un pau pero hai que seguir, non queda outra".

Cre que "hai que pechar antes os partidos porque nalgún centro lateral, nalgún balón centrado á área os rivais son poderosos e pódennos facer gol. É o que nos está faltando, o acerto de cara ao gol. Só queda seguir, corrixir erros, pero o equipo fixo moi bo partido".

Jaime entende que "#ANOSAFORZA quere gañar, igual que nós. Faltou ese acerto. Só dicirlles que seguiremos traballando para que cheguen os goles, para pechar antes os partidos e para sumar de 3 en 3".

Sobre a clasificación, lembra que "queda moito. Isto acaba de empezar. Teño confianza plena en todo o equipo. É verdade que hai que demostralo pero estamos capacitados para sumar de 3 en 3".

Pola súa banda, Salva Sevilla apunta que "merecemos moito máis. Debiamos pechar o partido moito antes. Estamos tristes, enfadados pero sabendo que xogando así, competindo así, os resultados teñen que chegar".

O centrocampista andaluz indica que en ataque "hoxe producimos bastante. Tivemos ocasións moi claras para pechar o partido. Temos xente importante que pode facer gol en calquera momento pero non estamos a ter ese chisco de fortuna. Non queda outra que seguir insistindo, seguir perseverando e seguir tentándoo. Ás veces os goles son cuestión de xeiras e non estamos a ter esa fortuna para facelos".

Opina que "o fútbol está a ser cruel connosco. Merecemos moito máis en moitos partidos pero a realidade é que non estamos a sacar de 3 e estanos penalizando bastante. Seguiremos traballando, seguiremos insistindo".

Finalmente quere dar as grazas a #ANOSAFORZA porque "viaxemos onde viaxemos hai xente apoiando en todo momento. É de agradecer o esforzo que fan por nós. Somos nós os que debemos animalos. Espero que cheguen eses resultados pronto para que estean felices e contentos".