RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Luns "moi importante" para un Dépor que "necesita a todo o mundo en ABANCA-RIAZOR" ante o CD Mirandés

O Dépor recibe ao CD Mirandés este luns 20 de abril ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion) en ABANCA-RIAZOR en partido correspondente á 36ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Os Nosos, após o empate da pasada fin de semana en Huesca, arrincarán o choque con 61 puntos no grupo de cabeza.

Antonio Hidalgo cualificou este luns 20 de abril como "moi importante. Son os últimos partidos da temporada. Necesitamos a todo o mundo en ABANCA-RIAZOR, empuxando. Están a apoiarnos desde o primeiro día, fannos sentir moito máis poderosos neses momentos de dificultade que sempre hai nos partidos".

Pérdese o encontro por lesión David Mella, que segue co seu proceso de recuperación.

"Todo o mundo está dispoñible exceptuando a David, que xa sabemos que é de longa duración. O resto adestrou todo o mundo ao 100% desde o primeiro día. Somos os mesmos da semana pasada", apuntou o adestrador do Dépor.

O Dépor, ao que se sumou o fabrilista Bil, realizou este domingo 19 de abril unha última sesión de traballo no Dépor Training Center.

Após unha activación houbo unha tarefa de finalizacións, un repaso ás accións a balón parado e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Cunha semana longa desde o pasado domingo en Huesca, "puidemos regular algunhas cargas durante a semana, preparar a conciencia o partido e mañá estar ao 100%".

Pola súa banda, o CD Mirandés, que a pasada fin de semana empatou (2-2) co CD Castellón, é 21º con 33 puntos.

No partido da primeira volta disputado en Mendizorroza o pasado 14 de setembro de 2025 venceu o Dépor por 1-5 con tantos de Luismi Cruz -2- e Eddahchouri -3-.

Lonxe do seu campo esta temporada o conxunto burgalés gañou ao Granada CF (1-2), Albacete Balompié (1-4), SD Huesca (1-2) e Real Zaragoza (1-2); empatou co FC Andorra (1-1), Real Valladolid (1-1), UD Las Palmas (0-0) e Córdoba CF (2-2); e caeu co Cádiz CF (1-0), AD Ceuta FC (2-0), Cultural Leonesa (3-2), Málaga CF (3-2), CD Castellón (3-1), SD Eibar (2-1), Sporting de Gijón (3-0), Real Racing Club (1-0) e Burgos CF (2-0).

O seu técnico, Antxón Muneta, afirmou que "estamos aí cerquiña. Chegamos a estar moi lonxe, a 9 puntos. Co traballo semanal conseguimos o que buscabamos, que era chegar a este tramo final con opcións".

Cre que "chegamos ben ademais e coa idea de seguir como estabamos para seguir recortando puntos".

Cualifica ao Dépor como "un candidato moi claro ao ascenso directo pero imos sen mirar a clasificación e mirando a nosa necesidade, que está por encima da de calquera. Imos alí a sumar de 3".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o martes 21 de abril ás 11:00 no Dépor Training Center.