
DÉPOR · 24 XUÑO 2026
RC DEPORTIVO: NOVA IDENTIDADE, MESMO SENTIMENTO
No marco do seu 120 aniversario, o RC Deportivo presenta a actualización da súa identidade visual, un proxecto estratéxico que honra o legado histórico do equipo ao tempo que acompaña unha nova etapa de modernidade e conexión emocional co deportivismo. Esta evolución introduce unha linguaxe visual propia, coherente e contemporánea, reforzando a personalidade do Club como referente do fútbol galego.
A consolidación do ADN visual do Dépor
A nova identidade gráfica do RC Deportivo constrúese sobre un sistema visual sólido e recoñecible, articulado arredor dunha tipografía propia, amplas masas de cor e unha serie de patróns distintivos inspirados nos elementos representativos do Club. Entre eles destaca o patrón diagonal, unha referencia directa á Torre de Hércules e aos 9º de inclinación presentes nas formas da súa fachada, reforzando así o vínculo entre a nova linguaxe gráfica, A Coruña e un dos seus símbolos máis universais.
O resultado é unha liña gráfica baseada no minimalismo, na cor plana e nunha organización visual rigorosa que favorece a identificación inmediata da marca en calquera soporte, especialmente no ámbito dixital.
O escudo
A actualización do escudo do RC Deportivo consiste nunha intervención de carácter evolutivo que preserva intactos os seus elementos esenciais e os seus valores históricos, ao tempo que mellora a súa funcionalidade e resolve determinadas cuestións técnicas de reprodución nos diferentes formatos.
O cambio máis significativo é a adecuación do nome do Club á denominación oficial da cidade, "A Coruña", en coherencia coa Lei de Normalización Lingüística e co compromiso do Dépor coa identidade e coa lingua galegas. Ademais, o naming pasa a presentarse aliñado e centrado respecto ao eixe vertical para lograr unha composición máis equilibrada.
Outra das novidades máis visibles atópase na coroa. Recupéranse os floróns tradicionais orixinais, símbolos de honra e distinción, e increméntase o contraste cromático do conxunto. Así mesmo, incorpórase un novo aro con pedrería flotante que estiliza a composición e mellora o seu comportamento en tamaños reducidos, ademais dunha cruz con serifas que dialoga formalmente coa nova tipografía exclusiva do Club.

Gama cromática
A actualización da identidade visual inclúe tamén unha revisión da gama cromática, adaptada ás necesidades dos contornos dixitais e concibida para reforzar a consistencia da marca en todos os seus puntos de contacto.
A nova paleta potencia a personalidade visual do RC Deportivo mediante cores máis vivas, intensas e recoñecibles. Destacan o novo Dourado Dépor e o Azul Dépor, incorporados ao escudo para aumentar a súa presenza e lexibilidade. Así mesmo, actualízanse o Azul Galicia da bandeira, o morado do pendón e o vermello do bonete, acadando unha maior riqueza cromática e unha reprodución máis eficaz en soportes dixitais e audiovisuais.
Esta evolución permite fortalecer o recoñecemento global da marca mantendo intactos os códigos visuais que forman parte da historia e da identidade do Club.

Tipografía exclusiva: RCD Faro e RCD Proa
A tipografía constitúe o eixo central sobre o que se articula boa parte da nova identidade visual do RC Deportivo. Lonxe de limitarse a unha función informativa, convértese nun elemento expresivo capaz de achegar carácter, recoñecemento e cohesión ao conxunto do sistema gráfico.
O desenvolvemento desta tipografía propia comezou en 2023 e deu lugar a dúas familias exclusivas deseñadas especificamente para o Club:
RCD Faro: Inspirada no alfabeto creado no Laboratorio de Formas de Sargadelos durante o século XX, esta familia establece unha ligazón directa coa cultura visual galega. O seu nome rende homenaxe a un dos símbolos da cidade e a unha das antigas denominacións da Coruña. Conta con catro estilos (Display, Headline, Text e Slim), cuxas serifas afiadas atopan continuidade nas formas presentes no escudo.
RCD Proa: Concibida como contrapunto de Faro, esta tipografía achega solidez e presenza. As súas contraformas cadradas evocan a textura das raias verticais da camiseta do equipo, mentres que o seu nome remite a unha idea de avance constante e de mirada posta no horizonte, reflectindo a ambición do Club.

Colaboración
Para este proceso de transformación, o RC Deportivo contou coa experiencia e co estudo da identidade galega desenvolvido polo tipógrafo deportivista Rubén Prol. En paralelo, a definición da nova liña gráfica realizouse xunto a Bureau Borsche, estudo de deseño de referencia internacional con sede en Múnic.
Este proxecto, iniciado en 2023 e desenvolvido a partir da creación dun sistema tipográfico propio, consolida unha identidade visual consistente e singular, enraizada na tradición e nos valores compartidos de toda a afección e, ao mesmo tempo, preparada para proxectar a marca RC Deportivo cara ao futuro e a calquera lugar.

Silleda luce o seu DéporCampus, xa na súa 7ª edición

O Dépor presenta a actualización do seu escudo nos Arcados da...

Suspendida este martes 23 de xuño pola calor a semifinal do A...

En marcha a quinta edición do DéporCampus do Colexio Internac...

A Xunta Xeral Extraordinaria do RC Deportivo aproba a adecuac...

O Benxamín A clasificouse para a final do Mini Teresa Herrera...