RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Manuel Pablo afirma que a acumulación de partidos "é un pouco lioso" pero "para isto están os cadros", advirte

Manuel Pablo admitiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que estes 3 partidos que pechan o 2024 para o Fabril (CD Laredo o pasado sábado 14, Bergantiños CF mañá mércores 18 ás 20:00 e RS Gimnástica de Torrelavega o domingo 22 ás 12:00) "para os equipos que non estamos afeitos é un pouco lioso pero estamos todos nas mesmas condicións. Para iso están os cadros, incluso o Xuvenil A".

Así pois, o técnico fabrilista asume que "teremos que chegar nas mellores condicións. Haberá algún xogador que lle teremos que dar descanso pero estamos a adestrar todos ben e tentaremos facer o mesmo cos xogadores que saian".

Asegura que o céspede artificial das Eiroas non cambia a formulación do partido para o filial: "Imos coa mesma idea. Adestramos varias semanas nós en artificial porque o campo 4 está un pouco machucado. Non é que esteamos habituados pero non nos condiciona en nada".

Finalmente, preguntado polo xuvenil Adrián Guerrero, que o pasado sábado anotou 2 goles cos que suma 6 tantos na táboa de anotadores de Segunda Federación, Manuel Pablo sostén que "ten moito potencial. É un extremo dos de antes con velocidade, con forza, con un contra un, con capacidade de sacar bos centros. Ten moito percorrido. Hai que seguir puíndoo, que non teña tantas perdas de balón, que estea sempre metido no partido pero ten potencial".