RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Manuel Pablo pide "a nosa mellor versión" do Fabril este domingo ante o Coruxo FC

Manuel Pablo advirte que o campo de O Vao, escenario do partido entre o Coruxo FC e o Fabril este domingo 14 de setembro ás 17:00 é "un campo complicado da categoría. Con respecto ao ano pasado eles cambiaron moitos xogadores pero foi un equipo que nos impediu facer o noso xogo. Teñen outro tipo de sistema. Só levamos unha xornada, estamos a analizalos pero vai ser un partido competitivo porque eles o son. Contra o UP Langreo empataron nun campo tamén moi difícil".

Así pois o técnico fabrilista pide "estar na nosa mellor versión" neste encontro correspondente á 2ª xornada en Segunda Federación.

Insiste en que, a pesar do claro triunfo na 1ª xornada ante o Burgos CF Promesas en Abegondo "sempre hai cousas que corrixir, sexa a xornada 1º ou a xornada 20".

O preparador do filial queda con "a idea do que facemos, do que transmitimos, das ganas que tes de ir a por o partido. Iso non o imos a cambiar. Podemos estar máis acertados, o rival pódenos encorsetar máis pero sempre temos a idea de ser protagonistas e de ir gañar os partidos desde o principio".

Finalmente Manuel Pablo quere mellorar "a presión, que o outro día saíronnos varias veces; a regularidade en defensa e en ataque; acabar máis xogadas; ser máis determinantes porque tivemos ocasións; e elixir mellor algunha situación".

Conclúe que "para min é máis importante saber o que queremos, presionar alto, xogar, ter o balón, circular e a partir de aí o rival vaiche buscando situacións onde esteas máis incómodo".