RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Mario Soriano cre que o Dépor está a facer "un bo traballo" e lembra que "estamos entre os 6 primeiros"

Mario Soriano afirmou após recoller o Premio Estrella ao mellor xogador do Dépor do pasado mes de decembro que "é o segundo ano no fútbol profesional despois de estar en Primera RFEF. O equipo, o grupo está a facer un bo traballo. Estamos entre os 6 primeiros que é o obxectivo deste ano".

Tivo palabras de agarimo para #ANOSAFORZA, que este xoves colocou na bancada do campo Arsenio Iglesias a pancarta que podes ver ao pé destas letras: "Gústanos que nos estean apoiando e queremos responderlles".

O centrocampista madrileño apunta que en 2025 recentemente finalizado "o equipo tivo dúas xeiras moi boas e dúas que non foron boas; pero terminamos aí arriba entre os 6 primeiros. Estamos a 4 puntos do ascenso directo. O equipo está ben".

Da UD Las Palmas, rival este sábado 10 de xaneiro ás 18:30 (17:30 hora local, LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e Cayo TV), opina que "é un dos mellores da categoría. Xogan moi ben, saben ao que xogan. Ten moi futbolistas moi bos. Temos que levar o partido onde queremos e minimizar os erros para poder levarnos os 3 puntos, que vai ser complicado".

Finalmente, preguntado pola eliminatoria de oitavos de final ante o Atlético de Madrid, Mario Soriano lembra que estivo 13 anos na canteira branquivermella: "Ademais debutei con eles na mesma competición. Será especial pero nós agora estamos a pensar en Las Palmas", conclúe.