RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Máxico agasallo de Reyes a cargo de Os Nosos en ABANCA-RIAZOR

ABANCA-RIAZOR volveu latexar como nas grandes tardes con motivo do adestramento a porta aberta do Deportivo este luns 5 de xaneiro, véspera da chegada dos Reis Magos.

A Tribuna Inferior, chea de ilusión, poboouse de risas, camisetas branquiazuis e miradas que soñaban espertas. 

O adestramento do Dépor esta vez non foi só unha sesión de traballo: foi un encontro entre xeracións, un abrazo entre o club e os máis pequenos.

Moitos nenos e nenas puideron sentir a maxia de ABANCA-RIAZOR, puideron pisar o templo onde nacen os soños. Viron de preto aos seus ídolos, escoitaron o golpe do balón e entenderon que o Dépor é moito máis que fútbol: é sentimento, é pertenza, é familia.

Con só Daniel Bachmann con adestramento personalizado de acordo cos Servizos Médicos, todo o cadro, ademais do fabrilista Bil, puido sentir o agarimo de #ANOSAFORZA en cada golpe, en cada remate, en cada carreira...

Os titulares onte á noite ante o Cádiz CF fixeron a primeira parte co grupo.

O resto completou a sesión cun exercicio de posición, unha tarefa de finalizacións e fútbol reducido, de alta intensidade.

Despois chegaron as firmas, as fotos, os autógrafos gardados como tesouros e os sorrisos que o din todo. 

Momentos sinxelos que se converten en recordos indelebles, deses que acompañan toda unha vida.

Até a adversa climatoloxía axudou e, a pesar do frío, o tímido sol de xaneiro foi tamén protagonista.

Sementar deportivismo hoxe é asegurar futuro.

Cada neno que saíu de ABANCA-RIAZOR cos ollos brillando de emoción é un corazón branquiazul que latexa para sempre.

O Dépor regresará ao Dépor Training Center o mércores 7 de xaneiro a partir das 10:30 horas.