RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Mella fala de "partidazo de todo o equipo" e Loureiro cre que o liderado "non ten importancia algunha"

David Mella e Miguel Loureiro pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O canteirán confesou estar "moi contento pola vitoria, por durmir primeiros pero mañá (por hoxe) hai que volver ao traballo. E moi contento polo apoio de #ANOSAFORZA unha fin de semana máis".

A piques de emprender viaxe a Chile coa selección española sub-20, asegura estar apenado "por irme do meu Club pero é unha oportunidade, un Mundial, que non se xoga todos os días. A gozar da experiencia".

Mella resalta "o partidazo do equipo" ante a SD Huesca: "Non permitimos que nos fixesen dano, deixamos a portería a cero e estou moi contento por sumar mellores partidos cada fin de semana".

Pola súa banda, Miguel Loureiro afirma que "estamos moi felices, gozando moito. Foi un partido moi bo do equipo. Empezamos moi ben. Sabiamos que ía ser difícil, que a SD Huesca ía vir a buscarnos arriba, que ía ser un partido de duelos, de moita presión en campo rival e estivemos acertados. Seguimos o plan de partido, que saíu á perfección".

Admitiu que foi "especial" por enfrontarse ao seu ex equipo: "Estiven 2 anos alí e fun moi feliz. Estou moi agradecido a todo o Club, á cidade, á xente de Huesca. En parte estou aquí polos anos que pasei alí".

O central deportivista apunta que ser líderes "non ten importancia algunha. Dámoslle importancia ás sensacións, ao traballo que está a facer o equipo, ao crecemento semana a semana e iso é o que nos reforza, fainos sentir ben e que teñamos máis ganas de crecer".