RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Barça non deu opción ao Dépor ABANCA

O Dépor ABANCA concluíu este domingo 9 de novembro con derrota (8-0) no Estadi Johan Cruyff ante o FC Barcelona unha esixente semana de tres partidos lonxe de ABANCA-RIAZOR.

Así aos desgastes propios dos partidos houbo que sumar os case 7.850 quilómetros nas pernas das futbolistas.

Con este resultado, As Nosas quedan con 7 puntos na 14ª posición.

Causou baixa para o partido Paula Monteagudo debido a unha rotura do compoñente medial da fascia plantar do seu pé dereito.

Michi Apóstol foi a representante de #ANOSACANTEIRA e tivo minutos de xogo na recta final.

Pola súa banda, o Barça chegaba ao encontro após caer ante a Real Sociedad por 1-0 na súa primeira derrota a domicilio na competición doméstica desde o 21 maio 2023.

Quedou ademais sen marcar por primeira vez desde o 25 de xaneiro de 2020, cando empatou (0-0) co Atlético de Madrid.

"Iso ponnos as cousas aínda máis difíciles", advertiu na rolda de prensa prepartido Fran Alonso. E non se equivocou.

O partido arrincou con dominio azulgrana e un Deportivo ABANCA esperando en bloque baixo.

Ainhoa Marín foi a referencia ofensiva buscando a súa rapidez.

Aos 12 minutos, Vicky, que a pesar da súa mocidade cumpriu 100 partidos coa camiseta barcelonista, cabeceou no segundo pau un balón ao traveseiro da meta de Inês Pereira.

Dous minutos máis tarde, MariNa Artero despexa cara á súa portería e Inês Pereira envía a saque de esquina con moitos apuros.

No saque en curto, o balón chégalle a Vicky que, na frontal da área, mete o balón no recanto dereito da portería do Dépor ABANCA. 

O Barça abría así o marcador.

Alexia lograba o segundo no minuto 18 cunha combinación entre Vicky e Aïcha que remata en solitario en boca de gol.

De María León foi o terceiro do partido, de novo ao saque dun córner. A defensa azulgrana sorprendeu a Inês Pereira ao pau curto cando todos esperaban un centro.

Case á media hora, Laia Aleixandri recibe na frontal da área e de disparo colocado, sobe o 4º ao marcador.

Co partido sentenciado, seguiron as barcelonistas en busca de máis goles.

María León sobe o 5º ao rematar un balón solto na área deportivista após o remate ao pau de Torrejón.

O sexto foi obra de Pina após unha serie de paredes na frontal da área do Dépor ABANCA.

Sen respiro, Inês Pereira fai unha gran parada a tiro axustado de Vicky de lonxe.

Foi o preámbulo do 7º, obra de Sydney após un centro á área por banda esquerda de Ona Batlle. 

No desconto da primeira parte, Graham subiu o 8º ao adiantarse de cabeza nun balón dividido á saída de Inês Pereira.

Con 8-0 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor ABANCA tapou espazos e o marcador xa non se moveu.

Fran Alonso refrescou ao equipo coa entrada de futbolistas como Lía, Barth, Millene e Marisa.

Co choque xa resolto na primeira metade, As Nosas polo menos foron capaces de taponar o caudal ofensivo dun rival que tamén moveu o seu banco.

FC Barcelona: Cata Coll, María León (Paredes, min. 46), Aleixandri, Sydney, Marta, Pina (Pajor, min. 58), Graham (Serrajordi, min. 58), Alexia (Kika, min. 46), Vicky, O. Batlle (Carla Julià, min. 58) e Aïcha

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Vera, Marina Artero (Lía, min. 51), Elena (Barth, min. 51), Paula Novo, Raquel, Paula Gutiérrez, Olaya (Millene, min. 66), Bárbara (Marisa, min. 66) e Ainhoa Marín (Michi Apóstol, min. 80)

Árbitra: Elisabeth Calvo Valentín, do comité madrileño. Amoestou a Paula Gutiérrez (min. 84) e Serrajordi (min. 90)

Goles: 1-0 Vicky (min. 15); 2-0 Alexia (min. 18); 3-0 María Léon (min. 22); 4-0 Alexandri (min. 28); 5-0 María León (min. 31); 6-0 Pina (min. 35); 7-0 Sydney (min. 41); 8-0 Graham (min. 45+1)

Incidencias: partido disputado no Estadio Johan Cruff correspondente á 10ª xornada en Liga F