RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA inicia a Liga F cun empate sen goles en ABANCA-RIAZOR ante o FC Badalona Women "nun partido igualado"

O Dépor ABANCA estreouse en Liga F este sábado 30 de agosto en ABANCA-RIAZOR cun empate sen goles ante o FC Badalona Women.

Fran Alonso, en rolda de prensa, subliñou que o encontro foi "igualado, moi parello en todos os aspectos, en ocasións, tiros a porta. O empate é o resultado xusto".

As Nosas chegaban coas baixas por lesión de Millene e Vera Martínez; e despois dun verán no que se incorporaron xogadoras como Espe Pizarro, Marisa, Sara Extremera, Colette Cavanagh e Merle Barth; ademais de reter ao talento de Olaya, Marina Artero e Inês Pereira.

A maiores, o Club confirmou que dúas insignias de ANOSACANTEIRA, Paula Monteagudo e Elena, son xogadoras do primeiro equipo para todos os efectos. Ambas foron titulares neste inicio, o que supuxo o debut en Liga F de Monteagudo.

A pretemporada deixou ademais a irrupción doutra canteirá, Paula Redruello 'Redru'. Habitual nos amigables, esta centrocampista que mesmo chegou a xogar de central, anotou 2 tantos. Hoxe estreouse en Liga F.

O balance do verán do Depor ABANCA foi de 3 triunfos, 2 derrotas e 1 empate, con 13 goles a favor e 5 en contra.

Os rivais foron de Primera División de España (Athletic Club e Costa Adeje Tenerife) e de Portugal (SC Braga e Sporting CP); ademais do CA Osasuna, que milita en Primera Federación.

Pola súa banda, o FC Badalona Women chegaba ao choque após derrotar no seu último test estival ao Olympique de Marsella por 1-0.

Anteriormente as catalás caeron co FC Barcelona (1-0) na final da Copa Catalunya; e venceron por 1-0 ao RCD Espanyol.

Fran Alonso arrincou a competición cunha liña de 3 centrais (Barth, Marina Artero e Elena), con 2 carrileras (Samara e Monteagudo), dous mediocentros (Paula Gutiérrez e Henar), con Olaya, Marisa e Ainhoa Marín como referencias ofensivas.

Saíu o FC Badalona Women, o cuarto orzamento da Liga F, a por o partido, cunha presión alta.

No entanto, o primeiro disparo entre paus foi deportivista, obra de Ainhoa Marín, ás mans da porteira Canales.

Respondeu aos 15 minutos a capitá do conxunto catalán Banini cun lanzamento de falta perigosa na frontal da área que se estrelou no lateral da rede.

Custáballe As Nosas superar a liña de presión do FC Badalona Women.

Á media hora, Marisa, en xogada persoal, vaise por velocidade da defensa catalá pero o seu remate, raso, atallouno en dous tempos Canales.

Aos 34 minutos, Inês Pereira salva co pé un man a man ante Llompart nunha longa xogada de ataque visitante.

Sen máis ocasións claras chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o partido arrincou como a primeira parte, cun FC Badalona Women moi encima de As Nosas.

Llompart, aos 53 minutos, proba fortuna desde o bordo da área. O seu chute saíu desviado á esquerda da portería de Inês Pereira.

A mesma futbolista, aos 57 minutos, lanzou unha falta directa ao bordo da área que tocou no traveseiro da meta branquiazul.

Non conseguía o Dépor ABANCA pór en perigo a Canales.

Fran Alonso move o banco coa entrada de Redru e Espe Pizarro por Samara e Henar.

Olaya pasou ao lateral dereito mentres que a internacional uruguaia situouse como segunda dianteira con Marisa.

Precisamente Olaya aos 73 minutos lanzou unha falta directa que obrigou a Canales a despexar a saque de esquina. 

Na área do FC Badalona Women Marisa non chega por pouco a un balón ante Canales. Adiantouse a porteira catalá nun choque no que as dúas futbolistas necesitaron asistencia médica.

Bárbara e Lucía Martínez relevaron a Paula Gutiérrez e Marisa para a recta final, con 3 canteirás sobre o céspede.

Espe Pizarro, no desconto de 8 minutos, cabeceou un bo centro desde a dereita de Olaya ás mans de Canales.

E no outro área, Cubedo non consegue controlar no segundo pau, libre de marca, un balón procedente dunha falta na zona de tres cuartos.

A última do partido foi un remate de Espe Pizarro fóra por pouco após centro de Bárbara aínda que a acción estaba invalidada por fóra de xogo da uruguaia.

"Tivemos ocasións aí ao final. Fomos crecendo e a última hora puidemos gañar os 3 puntos pero sumamos, é positivo. Sei que podemos mellorar moito e estou contento", concluíu Fran Alonso.

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Espe Pizarro, min. 64), Henar (Redru, min. 64), Marina Artero, Paula Gutiérrez (Lucía Martínez, min. 76), Olaya, Monteagudo (Cavanagh, min. 84), Ainhoa Marín, Marisa (Bárbara, min. 76), Elena e Barth

FC Badalona Women: Canales, Garrote (Barclais, min. 69), Manjarín, Llompart (Kullashi, min. 83), Banini, Julve, Itzi, Chamarro, Ana G. (Lorena, min. 69), Cubedo e Junge

Árbitra: Melissa López, do comité estremeño. Amoestou a Elena (min. 13), Ana G. (min. 25), Junge (min. 42), Henar (min. 55) e Lucía Martínez (min. 90+4), 

Incidencias: partido da 1ª xornada de Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.065 espectadores