RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA mídese á SD Eibar este sábado 1 de novembro en Ipurúa "con outro nivel de confianza"

Un Dépor ABANCA "con outro nivel de confianza" regresa á liga coa visita á SD Eibar, "un rival da nosa liga", prevista para este sábado 1 de novembro ás 16:00 (Dazn), en partido correspondente á 9ª xornada na Liga F.

As Nosas, após o empate na última xornada en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético de Madrid, chegan ao encontro na 12ª posición con 7 puntos, os mesmos que a SD Eibar (13º).

Fran Alonso asegura que após ese resultado "ao equipo véxoo moi ben, con outro nivel de confianza. Necesitabámolo non só polo empate ante un rival desa entidade, senón por remontar un partido que se puxo moi en contra nos primeiros minutos".

Subliña que as futbolistas branquiazuis "adestraron moi ben, temos moitas ganas. Imos xogar contra un rival da nosa liga. Non nos puidemos haber preparado mellor".

Espera pois "un equipo moi enchufado e oxalá que un bo partido e un bo resultado".

Todo o cadro está dispoñible para o encontro: "Un pesadelo para facer a convocatoria, pero un bo pesadelo. É fantástico o traballo dos nosos preparadores físicos, dos nosos servizos médicos. Con 3 partidos nunha semana (Copa de la Reina en Canarias e liga de novo en Barcelona) veremos quen vai convocada".

Fran Alonso dirixiu este venres a última sesión de adestramento no Dépor Training Center antes de viaxar ao País Vasco con esta folla de ruta:

Venres 31 de outubro
10:30: Adestramento no Dépor Training Center
13:30: Saída do autocar
20:15 (hora aproximada): Chegada ao hotel Sukha en Eskoriatza (Guipuzcoa)

Sábado 1 de novembro
16:00: SD Eibar - Deportivo ABANCA, en Ipurúa
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

A semana estivo marcada polo paulatino regreso das internacionais.

Así, Inês Pereira por unha banda; e Elena e Redru por outro se incorporaron o pasado mércores após o seu paso por Portugal e España sub-19 respectivamente.

Este venres sumouse ao grupo Michi Apóstol, que chegou onte xoves á Coruña após o seu paso pola selección de Venezuela para dous partidos correspondentes á Liga de Nacións.

Pola súa banda, a SD Eibar perdeu por 0-3 coa Real Sociedad no seu último encontro.

Ademais en Ipurúa esta temporada as azulgrana caeron co Sevilla FC (0-1) e FC Barcelona (0-4); e empataron co FC Badalona Women (0-0).

O seu técnico, Iñaki Goecoetxea, afirmou na sala de prensa que "aínda estamos na 9ª xornada e queda moito por decidir, e non tivemos partidos fáciles en casa, pero é verdade que xa necesitamos tamén gañar en casa, por nós e pola afección".

Do Dépor ABANCA, afirma que "é un equipo moi completo, con xogadoras moi rápidas e decisivas en ataque".

Concluído este partido, As Nosas teñen o domingo 2 de novembro xornada de descanso.