RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA pasa de rolda copeira "con moi boas sensacións" ante o Guiniguada Apolinario CD

O Dépor ABANCA estreouse na Copa de la Reina 2025-26 con triunfo por 1-3 en terceira rolda ante o Guiniguada Apolinario CD de Segunda Federación este mércores 5 de novembro no Estadio Parque Atlántico de Las Palmas de Gran Canaria.

Decidiron o encontro os goles de Marisa -2- na primeira metade e Michi Apóstol na segunda.

Fran Alonso, técnico deportivista, márchase "con moi boas sensacións" ante un conxunto canario "que compite moi ben, ten as ideas moi claras, van moi ben ao choque".

As Nosas chegaban ao encontro "con cero lesiones" e coa derrota por 1-0 do pasado sábado en Ipurúa ante a SD Eibar que as deixou na 13ª posición da Liga F.

Redru, Michi Apóstol, Carmen e Lucía Rivas foron as representantes de ANOSACANTEIRA.

"Estou moi contento por elas porque puideron ter minutos. Michi mesmo marcou. Un día feliz e hai que gozalo", apuntou o preparador deportivista.

Houbo rotación masiva e minutos para as futbolistas con menos habituais na liga, caso de Yoyana, Eva Dios, Lía e Cavanagh.

O partido ademais deixou a boa noticia de Lucía Rivas, con minutos de xogo na segunda parte ao substituír a Bárbara no minuto 56. A internacional xa leva un par de partidos participando co filial de Segunda Federación.

Pola súa banda, o Guiniguada Apolinario CD, 5º no seu grupo de Segunda Federación, vencera en primeira rolda por 0-10 á Orientación Marítima La Destila de Lanzarote e en segunda por 1-0 ao CD Femarguin Spar Gran Canaria.

Loxicamente o partido foi de dominio deportivista, con ocasións de todos os gustos que fixeron lucirse á porteira canaria Danna, a mellor futbolista sobre o campo nos dous equipos.

O choque púxose xa de cara aos 4 minutos cun penalti cometido sobre Lía que transformou Marisa.

Pouco despois, Marisa cabeceou á rede unha boa acción individual de Michi Apóstol.

O Guiniguada Apolinario CD non lle perdeu a cara ao partido e recortou diferenzas no desconto da primeira metade cun balón ás costas da defensa deportivista que transforma no man a man con Yohaha Raquel Quintana.

Após o paso polos vestiarios, Michi Apóstol certificou o pase co 1-3 cun remate ao segundo pau.

Fran Alonso resalta que "movemos moi ben o balón, creamos moitísimas ocasións", resumiu.

Guiniguada Apolinario CD: Danna, Aruma, Thais, Irati (Lucía, min. 76), Raquel Quintana, Coraima, Marina, Eugenia (Natalia, min. 46), Mariola (Melissa, min. 65), Estefanía (Joana, min. 76) e Arminda (Sheila, min. 76)

Deportivo ABANCA: Yohana, Vera (Marina Artero, min. 66), Henar, Eva Dios (Samara, min. 56), Lía, Marisa (Carmen, min. 78), Bárbara (Lucia Rivas, min. 56), Elena, Cavanagh, Redru (Espe Pizarro, min. 56) e Michi Apóstol

Árbitro: Paola Cebollada López, do comité aragonés. Amoestou a Sheila (min. 81) e Carmen (min. 84)

Goles: 0-1 Marisa, de penalti (min. 4); 0-2 Marisa (min. 19); 1-2 Raquel Quintana (min. 45+1); 1-3 Michi Apóstol (min. 74)

Incidencias: partido disputado no Estadio Parque Atlántico en Las Palmas de Gran Canaria