RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA suma un punto "de moitísimo mérito" ante o Atlético de Madrid nun partido no que "o deu todo"

O Dépor ABANCA sumou un punto (1-1) este domingo 19 de outubro en ABANCA-RIAZOR ante un dos grandes da Liga F, o Atlético de Madrid.

"O equipo deuno todo", asegurou Fran Alonso na rolda de prensa pospartido.

Con este resultado, As Nosas alcanzan os 7 puntos na 12ª posición da táboa.

Causou baixa nas branquiazuis por lesión Espe Pizarro, en proceso de recuperación.

Pola súa banda, o Atlético de Madrid, que a pasada fin de semana caeu por 0-6 co FC Barcelona, chegaba como 3º na táboa con 14 puntos, os mesmos que o Real Madrid CF (2º) e a Real Sociedad (4ª).

As colchoneiras perderon esta semana por 0-1 co Manchester United na Champions League.

O partido foi especial para Merle Barth, Bárbara, Samara e Raquel, ex xogadoras colchoneiras; e para Gaby, ex deportivista.

Empezou dominando o partido o Atlético de Madrid, con continuas chegadas á área deportivista.

E foi precisamente Gaby García a encargada de abrir o marcador. Luani centra moi ben á área desde a banda dereita e a internacional venezolana cabecea á rede lonxe do alcance de Inês Pereira.

Seguiu insistindo o Atlético, que realizaba unha presión alta.

Gaby volve cabecear pouco despois, tamén con centro desde a dereita, pero esta vez non precisou o seu remate, obstaculizada pola súa defensora.

Aos 12 minutos, Jensen, soa ante a porteira do Dépor ABANCA, tenta unha vaselina que se lle marcha fóra por pouco.

Luany protagonizou a seguinte xogada de perigo no minuto 22. Pasa a banda esquerda, percorre todo o campo, métese na área e o seu disparo sácao con apuros Inês Pereira.

"Empezamos moi nerviosas. Non fomos suficientemente agresivas. Afundímonos e non apertabamos o balón. De aí veu o centro do primeiro gol", apuntou o técnico deportivista.

Pasada a media hora, Xenia remata ao lateral da rede após unha bo combinación do Atlético por banda dereita. É saque de esquina posto que o balón tocou nunha defensora do Dépor ABANCA.

O primeiro lanzamento a portería branquiazul foi no minuto 40. Olaya centra á área demasiada pechado, ás mans de Gallardo.

A pesar de que o primeiro tempo que foi do Atlético puido empatar o Dépor ABANCA a balón parado no longo desconto debido ás dúas revisións de VAR que realizou a colexiada do partido.

Bárbara cabecea un saque de falta lateral de Olaya e salvou a porteira Gallardo na mesma raia de gol.

"En canto empezamos a ser un pouco máis agresivas, o equipo creceu. Sentímonos un pouco máis cómodas. E a pesar da calidade do rival contivémoslles ben", engadiu o preparador branquiazul.

Após o paso polos vestiarios, o partido seguiu co Atlético presionando ao Dépor ABANCA.

Pero o partido deu un xiro no minuto 50.

Millene márchase de Lauren Leal no centro do campo, que derruba á brasileira para evitar unha contra. A árbitra do encontro, Lorena do Mar Trujillano, ensina a segunda amarela á defensora branquivermella, que vira a primeira no minuto 26.

Así pois, o Atlético quedaba en inferioridade numérica con toda a segunda metade por diante.

As Nosas deron un paso adiante e as madrileñas replegaron liñas.

"Fomos tentar o empate primeiro e logo a tentar gañar o partido. Tiñamos a experiencia do partido ante o Real Madrid CF que con 10 afundiunos e foi unha actuación moi mala. Pero hoxe foi todo o contrario. Soubemos sufrir, xerar perigo cando podiamos e defendemos con moita seriedade, boa organización", subliñou o adestrador do Dépor ABANCA.

E as ocasións comezaron a chegar.

Paula Novo centrou desde a dereita ás mans de Gallardo. No minuto 54, Ainhoa Marín márchase do seu par e xuta alto dentro da área.

Fran Alonso move o banco. Marisa e Paula Gutiérrez relevan a Bárbara, moi cansa, e Barth.

E vaia se fixeron efecto os cambios. 

"Cambiamos o sistema e axudounos moito", indicou.

Paula Gutiérrez mete un balón ao espazo a Millene, que recorta a Xenia e bate cun disparo potente a Gallardo.

O partido era do Dépor ABANCA, lanzado a por os 3 puntos.

Iso si, o Atlético, un equipo Champions, recorreu ao balón parado para tentar marcar o seu segundo gol.

Nun saque de esquina, o norueguesa Boe Risa lanza ao segundo pau, Gaby cabecea e Inês Pereira, con axuda do pau esquerdo, evita o gol colchoneiro.

Respondeu Marisa no 86. Entra na área e, algo escorada, dispara a porta. Responde Gallardo cunha gran parada.

Case na xogada seguinte, na contra do Atlético, Luany, a centro de Sheila, remata de socato e Inês Pereira, co pé, desvía in extremis.

Así se chegou ao final.

"Hai que felicitar ás xogadoras porque o deron todo. É un punto de moitísimo mérito contra un rival espectacular", concluíu Fran Alonso.

Dépor ABANCA: Inês Pereira, Samara, Barth (Paula Gutiérrez, min. 66), Raquel, Vera, Paula Novo, Lucía Martínez (Henar, min. 82), Olaya, Ainhoa Marín, Bárbara (Marisa, min. 66) e Millene (Lía, min. 90+1)

Atlético de Madrid: Gallardo, Medina, Lauren Leal, Xenia, Jensen (Maca Portales, min. 55), Gaby, Ana Vitòria (Alexia, min. 55), Lloris, Bartel (Sheila, min. 71), Fiamma (Boe Risa, min. 71) e Luany

Árbitra: Lorena del Mar Trujillano Gallardo, do comité andaluz. Amoestou a Lauren Leal (min. 26 e min. 50), Fiamma (min. 38), Medina (min. 39) e Samara (min. 79)

Goles: 0-1 Gaby (min. 5); 1-1 Millene (min. 70)

Incidencias: partido correspondente á 8ª xornada na Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.246 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Sandra Peña, a nena sevillana vítima do acoso escolar