RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor arrinca maio mañá domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié "concienciado de que nos quedan moitos puntos por disputar"

O Dépor recibe ao Albacete Balompié, en partido correspondente á 38ª xornada en LaLiga Hypermotion, por terceiro partido consecutivo en ABANCA-RIAZOR o domingo ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion).

Os Nosos chegan ao partido en 12ª posición con 50 puntos após a derrota por 2-1 do pasado domingo en El Sardinero.

No entanto, Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, destacou do equipo deportivista ese partido ante o Real Racing Club a "mentalidade forte. Contra un marcador en contra tratamos por todos os medios de empatar o partido, de dificultar moito na súa casa ao rival. Iso foi algo que quixemos destacar co grupo durante a semana".

Subliñou que o cadro "adestrou moi ben, a moi bo ritmo. Onte e antonte (polo xoves e o mércores) as sesións foron moi boas".

Nesta liña, o preparador branquiazul ve ao grupo "moi concienciado de que nos quedan 15 puntos en xogo, moitos puntos por disputar. Hai que tratar de sumar, de gañar o domingo e darnos conta de manter esta sensación de que o equipo sempre vai a polos partidos, sempre tenta gañar ao rival. Daquela os partidos son o que son e ás veces non o consegues".

Son baixa os lesionados Dani Barcia, Gauto, Ximo Navarro e David Mella; ademais dos sancionados Denis Genreau, expulsado con vermella directa en Santander, e Mfulu, que recibiu o seu 5º cartón amarelo a pasada fin de semana.

Por contra, está dispoñible Escudero, recuperado da súa lesión no cóbado esquerdo. O lateral zurdo deportivista adestrouse hoxe no ximnasio por control de carga, despois de recibir a alta médica o pasado luns e traballar co grupo ao 100% durante toda a semana.

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de adestramento no campo 3, consistente nunha activación cun roldo central, unha tarefa de finalizacións, e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.

O fabrilista David Carreira foi o representante de #ANOSACANTEIRA. 

Pola súa banda, o Albacete Balompié, que a pasada fin de semana venceu por 3-1 ao FC Cartagena, é 9º con 51 puntos.

No partido da primeira volta disputado no Estadio Carlos Belmonte o 29 de setembro (7ª xornada) venceron Os Nosos por 2-5 con goles de Mella -2-, Yeremay -2- e Cristian Herrera.

Lonxe do seu campo esta temporada os manchegos gañaron ao Granada CF (1-2), Racing de Ferrol (1-4), Real Zaragoza (0-1) e Sporting de Gijón (0-2); empataron coa SD Huesca (2-2), Real Racing Club (1-1), FC Cartagena (0-0), SD Eibar (1-1), CD Castellón (2-2) e Elche CF (2-2); e caeron co Málaga CF (2-1), CD Mirandés (2-0), UD Almería (3-1), CD Eldense (2-0), Cádiz CF (1-0), CD Tenerife (3-1), Real Oviedo (1-0) e Burgos CF (1-0).

O seu técnico Alberto González asegurou que "demos un gran paso para conseguir os puntos necesarios para a permanencia pero unha vez que cumprimos o obxectivo automaticamente hai que pasar ao seguinte. E o seguinte ten que ver con conseguir a mellor clasificación posible. E para iso hai que seguir sumando de 3. Con esa intención é coa que imos á Coruña".

Do Dépor destaca que "vai moi ben ao espazo, ás costas e que está a ter moitas situacións de gol contra porteiros, moi similares ás que nos custaron aquí o partido. É un punto forte do equipo polas capacidades dos xogadores que teñen. Teremos que estar alerta para que isto non volva pasar".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 5 de maio ás 11:00 en Abegondo.