RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor arrinca novembro con visita este domingo ao Real Zaragoza con "ese plus de confianza" despois da Copa

O Dépor retoma a competición de liga este domingo 2 de novembro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) no Ibercaja Estadio ante o Real Zaragoza e conclúe así un longo desprazamento que arrincou o mércores desde o Dépor Training Center.

Antonio Hidalgo apuntou na rolda de prensa previa no Hotel NH Zaragoza que "pasamos tempo xuntos, puidemos convivir máis tempo, compartimos momentos, tivemos charlas, falamos entre nós. É bo estes momentos que no día a día non temos".

Os Nosos adestráronse este sábado pola mañá, camiño de Bilbao a Zaragoza, no campo de adestramento do CD Mirandés en Miranda de Ebro.

O corpo técnico dispuxo após unha activación un repaso ao plan de partido e fútbol reducido.

Ao concluír o partido de Copa ante a UD Sámano en Castro Urdiales regresaron á Coruña os fabrilistas Hugo Ríos, Bil, Fabi, Íker Vidal e Pablo García, hoxe ás ordes de Manuel Pablo para o choque do filial no Couto ante o UD Ourense.

Iso si, incorporouse o central Damián Canedo, que se sumou á expedición branquiazul en Bilbao e xa traballou en Miranda co resto de deportivistas.

Após certificar o pase de rolda copeira ante un rival de Segunda Federación, o Dépor, co empate da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Real Valladolid, é 8º con 17 puntos.

"Gañar o outro día dáche ese plus de confianza, xogadores que viñan xogando menos participando, dianteiros facendo goles... e iso sempre suma", declarou o preparador branquiazul.

Son baixa para o encontro os lesionados Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann; e na expedición "hai algunha molestia que outra", admitiu o adestrador deportivista.

Pola súa banda, o Real Zaragoza tamén pasou de rolda copeira ao superar por 1-3 á UD Mutilvera de Segunda Federación.

En liga, os aragoneses, derrotados a pasada fin de semana por 1-0 en El Molinón ante o Sporting, marchan na 22ª posición con 6 puntos.

No Ibercaja Estadio, un estadio modular que substitúe provisionalmente a La Romareda ata que acabe a construción do novo estadio, o Real Zaragoza empatou co Real Valladolid (1-1) e Albacete Balompié (0-0); e caeu co FC Andorra (1-3), Córdoba CF (0-1) e Cultural Leonesa (0-5).

Rubén Selles, técnico que relevou a Gabi, asegura "estar a desexar que chegue o domingo para poder competir en casa, coa nosa xente. Iniciamos un proceso no que creo que cremos. Nos dous partidos que tivemos (Sporting en liga e UD Mutilvera en Copa) vistes o que estamos a construír".

Subliña que "somos conscientes da situación na que estamos pero non vai variar un`ápice de que temos que ser competitivos ao máximo".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o martes 4 de novembro ás 11:30 no Dépor Training Center.