O Dépor arrinca LaLiga Hypermotion este sábado 16 de agosto no Nuevo Los Cármenes (21:30, Dazn e LaLiga Hypermotion TV) ante o Granada CF.
Antonio Hidalgo asegurou en rolda de prensa que "a evolución na pretemporada foi boa. Chegamos preparados para competir, cunha sensación de que imos ter que facer un gran partido, sufrir moitísimo, competir moitísimo a un gran nivel".
Cre que o Dépor ten "gran talento pero mañá vai ser un partido con moitísimo calor, cun gran equipo diante, que vai pór as cousas moi difíciles".
Pide ter "esa sensación de necesidade, de estar ao máximo, en alerta. Iso sempre faiche estar precavido polo que poida pasar".
Os Nosos chegan a esta primeira cita ligueira despois dunha pretemporada con 4 vitorias (incluídas o Emma Cuervo e o Trofeo Teresa Herrera ante dous 'primeiras' de España e Francia), un empate e tan só unha derrota, pola mínima ante o Watford.
Pérdese por lesión o encontro Jose Ángel.
Sobre Ximo Navarro, o técnico deportivista apunta que "fixo toda a semana practicamente. Imos ver en que circunstancias pode estar e para canto. Axiña que non imos correr riscos innecesarios. Fixo unha boa semana, coidámoslle nalgunhas tarefas. Respondeu ben á evolución da carga".
O equipo incorporou esta mesma semana a un novo porteiro, o internacional austríaco Daniel Bachmann, substitución de Helton Leite.
O adestrador deportivista asegura que o novo gardameta "chegou con moitísima ilusión, con moitas ganas. Leva moito tempo inactivo. É un xogador contrastado, cunha ilusión tremenda". "El quere involucrarse o máis rápido posible. Ten moita ilusión por poder relanzar a súa carreira. E iso é o máis importante. Encaixou ben nese grupo que forman os porteiros. Recibírono moi ben. Véxoo traballando moi ben e iso vainos a elevar a competencia nese posto", engadiu.
Antonio Hidalgo realizou nunha calorosa mañá na Cidade Deportiva a última sesión de traballo antes de viaxar ao mediodía a Granada, vía Málaga.
O corpo técnico dispuxo unha activación, fútbol en espazo reducido, unha tarefa de centros laterais con finalizacións e un ensaio de accións a balón parado.
Pola súa banda, o Granada CF presentou esta semana no Estadio Nuevo Los Cármenes a cinco incorporacións: Casadesús, Hormigo, o meta Astralaga, Faye e Diallo.
O seu último partido de pretemporada, o pasado sábado 9 de agosto co Trofeo Ciudad de Granada, levouno o Al Ain FC por 0-3.
Ademais deste amigable, disputou outros 3, saldados con 1 derrota (0-2 ante o Orlando Pirates) e dous empates (1-1 ante o Cádiz CF e 0-0 ante Qatar SC).
Finalizado o encontro, Os Nosos viaxan de regreso á Coruña e adestraranse de novo o luns 18 en Abegondo ás 10:30.
