RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor conquista ante un 'Primera', o Real Oviedo, o Trofeo Emma Cuervo

O Deportivo levou a 74 edición do Trofeo Emma Cuervo, un dos torneos históricos do fútbol español ao derrotar ao Real Oviedo de Primera División.

Logra así o seu undécimo trofeo en 19 participacións.

O encontro xogouse no campo municipal Pepe Barreira, retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo, cun gran ambiente nas bancadas pola masiva representación das dúas afeccións.

Despois de dous rivais da Championship ou Segunda División inglesa con pasado Premier League (Watford e Middlesbrough) durante a pasada semana na concentración en Inglaterra, un equipo de Primera División española mediu a progresión dos branquiazuis a pouco máis dunha semana de arrincar a competición de liga en Granada.

Foron baixa os futbolistas que están con adestramento personalizado Ximo Navarro, Jose Ángel, Arnau Comas e Petxarroman.

De inicio, Antonio Hidalgo, dispuxo o seu sistema habitual nesta pretemporada con 3 centrais (Loureiro, Samu e Dani Barcia), 2 carrileros (Mella e Escudero), dous medioscentros (Villares e Gragera) e Luis Chacón, Yeremay e Eddahchouri como referencias ofensivas.

Após uns instantes iniciais igualados con achegamentos en ambas as porterías, a colexiada do encontro, María Eugenia Gil Soriano, anulou un gol ao Dépor.

Aos 9 minutos, após unha falta lateral lanzada por Escudero, Dani Calvo introduce o balón na súa propia portería. O árbitro sinalou posición de fóra de xogo de Gragera, que se aprestaba ao remate.

Pouco despois, no minuto 18, nin Villares nin Eddahchouri en boca de gol chegaron por pouco a un balón raso cruzado por Yeremay desde banda esquerda.

Case ao minuto, Yeremay tenta unha vaselina desde case o mediocampo para sorprender a Aarón, que estaba adiantado. O balón foise fóra por pouco.

Era superior o Dépor neste tramo de partido, con boas combinacións en mediocampo.

Conseguiu o Real Oviedo equilibrar o xogo. Case á media hora, Reina téntao desde o frontal pero o seu disparo saíu lixeiramente desviado.

Os últimos minutos da primeira metade foron para o Real Oviedo. O Dépor reculó para protexer a Germán.

Sen ocasións claras chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Antonio Hidalgo deu entrada a Luismi, Lucas Noubi, Quagliata e Patiño por Mella, Loureiro, Escudero e Gragera.

Adiantouse o Oviedo por mediación de Fede Viñas no minuto 48 ao rematar unha boa combinación de ataque iniciada por Cazorla.

Refíxose ben o Dépor. Empatou Eddahchouri ao rematar no segundo pau un centro de Luis Chacón. O meta Moldovan despexou pero o xuíz de liña deu gol ao considerar que o balón excedera a raia.

Con Os Nosos desmelenados, Patiño facía o segundo no minuto 62 noutro roubo de balón deportivista ao aproveitar unha mala saída de balón ovetense. O mediocentro branquiazul recibe de Mario Soriano e, no corazón da área, engancha un disparo duro imparable para Moldovan.

Seguiu apertando o Dépor. Mario Soriano probou de lonxe. O seu remate foise desviado.

Patiño tivo nas súas botas o terceiro no minuto 75. Fíxose cun balón morto na área após un saque de esquina e após diblar con calidade ao seu par estrelou o balón no lateral da rede.

Apertou o Oviedo na recta final en busca do empate.

Fede Viñas non chegou por pouco a un centro raso desde a dereita.

No entanto, Cristian Herrera tivo nas súas botas o terceiro. Recibiu un gran pase de Quagliata, controla ben na área pero o seu remate final estrélase no corpo de Moldovan.

Os últimos minutos, coa entrada doutro canteirán, Pablo García, por Samu, deixou ao Dépor con liña de 4 defensiva.

Con 1-2 chegouse ao final do partido. O trofeo Emma Cuervo vén para A Coruña na súa 74 edición.

Real Oviedo: Aarón (Moldovan, min. 46), Nacho (Omar, min. 46), Dani Calvo (Forés, min. 46), Luengo (Lucas, min. 46), Rahim (Costas, min. 46), Reina (Cazorla, min. 46), Sibo (Fede Viñas, min. 46), Ilyas (Brandón, min. 46), Ilic (Tejón, min. 46), Hassan (Ovi, min. 30) e Rondón (Marco, min. 46)

Deportivo: Germán, Mella (Luismi, min. 46), Loureiro (Lucas Noubi, min. 46), Samu (Pablo García, min. 84), Dani Barcia (Damián, min. 77), Escudero (Quagliata, min. 46), Villares (Rubén López, min. 60), Gragera (Patiño, min. 46), Yeremay (Cristian Herrera, min. 60), Luis Chacón (Mario Soriano, min. 60) e Eddahchouri (Bouldini, min. 60)

Árbitra: María Eugenia Gil Soriano, do comité galego. Amoestou a Ovi (min. 45), Lucas (min. 59), Samu (min. 75), Fede Viñas (min. 77) e Bouldini (min. 77)

Goles: 1-0 Fede Viñas (min. 48); 1-1 Eddahchouri (min. 59); 1-2 Patiño (min. 62)

Incidencias: Cheo absoluto no campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo, con masiva representación das dúas afeccións