O Dépor e o Real Racing Club ven as caras este domingo 19 de outubro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas) en El Sardinero igualados a 16 puntos na 2ª posición da táboa de LaLiga Hypermotion.
E farano un estadio cheo e cuns 900 deportivistas nas bancadas.
A pesar de sumar 3 partidos sen gañar, Antonio Hidalgo lembra que "fixemos un gran partido en Eibar, sufrimos un pouco ao final; e un extraordinario contra a UD Almería, co que seguramente poderiamos ter máis puntos dos que son".
Así pois, o técnico deportivista insiste en que se afronta o choque da fin de semana con "unha tranquilidade absoluta, sabendo que temos que mellorar en diferentes aspectos; ter solidez, que é o máis importante nesta categoría; e a partir de aí seguir evolucionando".
O equipo recupera a David Mella após o seu paso polo Mundial sub-20 de Chile, onde quedou apeado con España en cuartos de final.
O preparador branquiazul subliña que "ten moitas ganas, moita ilusión, ten esa frescura que todo equipo necesita. Os primeiros días despois desa viaxe e non sabendo o volume de traballo que fixera entendemos que era mellor dosificarlle un pouco pero estará ao 100% para o domingo".
O canteirán coincidirá co racinguista Peio Canles, con quen acaba de compartir vestiario no combinado nacional: "Quedamos en cambiarnos a camiseta. É moi bo compañeiro e teño ganas de velo", subliñou en rolda de prensa esta mesma semana.
En Santander, o futbolista racinguista recoñeceu ante os medios "falar en plan de broma con Mella do partido".
Tamén poderá contar Antonio Hidalgo con Lucas Noubi, que se perdeu o choque de Málaga da pasada fin de semana ao estar concentrado coa selección belga sub-21.
Son baixa para o partido os lesionados Daniel Bachmann e Ximo Navarro.
O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de adestramento no Dépor Training Center antes de partir de viaxe en autocar a Santander.
O corpo técnico dispuxo un último repaso ás accións a balón parado; e antes unha activación con rondos e un exercicio de fútbol reducido, de alta intensidade.
Samu e o porteiro Álex Marqués foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, o Real Racing chega ao choque após caer no Molinón por 2-1 cun polémico final de partido.
No seu campo esta temporada, o equipo cántabro venceu ao CD Castellón (3-1), ao AD Ceuta FC (4-1) e ao Málaga CF (3-0); e caeu coa Cultural Leonesa (2-4) e FC Andorra (1-2).
Mantilla, en rolda de prensa, cualificou ao Dépor como "un rival directo. Estamos emparellados na táboa. Vai ser un partido moi complicado pero é a nosa casa e os que teñen que estar preocupados son eles".
E José Alberto definiu ao equipo branquiazul como "atrevido, valente, cun talento descomunal, moi ben armado, cun gran balón parado ofensivo, que transitan ben... teñen moitas armas ofensivas, pero nós non temos medo a ninguén", concluíu.
Cre que o deste domingo é "un partido moi bonito, na nosa casa, ante un gran rival e estamos motivados e ilusionados por el".
Finalizado o encontro, Os Nosos regresan por estrada á Coruña e adestraranse de novo o luns 20 de outubro ás 11:30 no Dépor Training Center.
